Nigrán remata o empedrado da rúa Igrexa no núcleo de Chandebrito

O Concello de Nigrán rematou esta semana as obras para empedrar mediante lastras a rúa Igrexa, situada no núcleo de Chandebrito e pavimentada ata agora en aglomerado asfáltico xa moi deteriorado. A actuación forma parte do plan integral do Concello para recuperar e poñer en valor toda a contorna do Castro, prevíndose empedrar toda a zona posteriormente. Os traballos, a cargo de Sitexca 2016 e cun orzamento de 60.350 € a cargo do Plan Concellos da Deputación, supoñen non só unha mellora no mantemento e conservación do firme, senón unha posta en valor dos elementos patrimoniais e etnográficos deste núcleo de aldea tradicional único no municipio, repercutindo sen dúbida nunha gran mellora paisaxística.

«Trátase dun pavimento que si se adapta á contorna rural do centro de Chandebrito, onde a pedra é o elemento predominante nas edificacións e nos propios muros», sinala o alcalde, Juan González, quen defende a súa «promoción e preservación» e avanza que, en seguintes fases, iranse empedrando outras rúas.

As obras consistiron na retirada do aglomerado asfáltico existente ao longo dos 200 metros de rúa e a súa reposición por lastras de pedra de 13x13x10 cm. A maiores, e dentro doutro proxecto de 38.926 € de cambio do alumeado público de vapor de sodio na parroquia por LEDS, a rúa Igrexa foi dotada simultaneamente desta nova iluminación co cableado soterrado e báculos de aceiro inoxidable (anteriormente xa se fixo nas zonas de Pracíns e Barreira) e renovouse toda a instalación soterrada da comunidade de augas. «Supoñen tamén un cambio de imaxe, xa que se substitúen aos vellos postes de madeira e o cableado vai soterrado, tal e como se está a facer en todas as obras novas. Agora falta retirar os postes vellos», incide o rexedor.

A actuación forma parte do plan integral do Concello para recuperar e poñer en valor toda a parroquia e, particularmente, a contorna do Castro (que está sendo escavado e que correrá a cargo do Concello a fase final).