Aceites Abril, Okofen e Bouvento, gañadores do Trofeo Repsol

FOTO: ROSANA CALVO // O Aceites Abril en competición no Trofeo Repsol.

Finalizou con gran éxito de participación e a máxima rivalidade na auga a cuadraxésimo segunda edición da tradicional Regata de Primavera do Monte Real Club de Yates, que un ano máis volveu ser Trofeo Repsol grazas ao patrocinio da compañía enerxética.

Tras tres xornadas de competición, con dúas regatas costeiras e tres percorridos barlovento-sotavento disputados, a gran calidade da frota participante deixou unha clasificación final bastante axustada nalgunhas clases, aínda que houbo certas tripulacións souberon resolver mellor e lograron destacar sobre o resto.

Unha delas foi claramente a do Aceites Abril, cos irmáns Luis e Jorge Pérez Canal á fronte. Tras ver perigar o título na segunda xornada, na que o Bosch pasoulles por diante, este domingo lograron sentenciar a competición resolvendo con mestría a última proba en disputa e meténdose no peto todos os títulos aos que podían aspirar.

Os ourensáns acabaron o Trofeo Repsol sendo os mellores da súa clase, a ORC 1, e os mellores tamén na clasificación conxunta dos ORC 1 e 2. A tripulación recibiu o gran premio do campionato de mans do Subdirector de Mariña e Pesca de Repsol, Carlos Sánchez, ao que acompañou sobre o escenario o presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez.

Na clase ORC 1, o Aceites Abril, con 8 puntos, impúxose sobre o Bosch Service Solutions, de Canido; e o Grupo Santorum & Martínez, de Riveira, que quedaron segundo e terceiro respectivamente, con 10 e 15 puntos.

Menos rifada estivo a primeira posición dos ORC 2, no que o ouro foi a parar a mans do Unus de Luis García Trigo que, lucindo grímpola do Monte Real Club de Yates, asinou catro primeiros postos nas catro probas disputadas. Foi, sen dúbida, o mellor da competición, que acabou con 4 puntos. A prata e o bronce, con 12 e 15 puntos, leváronlla o Nahela de Víctor Álvarez (Club Deportivo Alagua) e o Albarellos de Fernando Rey (CN Portonovo).

A outra vitoria clara do trofeo deuse na clase J80, na que este ano había un novo título en xogo, o da Copa Luso-Galaica de Monotipos J80. O favorito a priori non defraudou e Javier de la Gándara elevou ao Okofen, con 5 puntos, ao máis alto da clasificación. A Xefa de Mariña e Pesca de Repsol, Inés González Megido, foi a encargada de entregar á tripulación o premio ao mellor monotipo de 8 metros. O Namasté de Luis de Mira e o Cansino de Fernando Yáñez, con 18 e 22 puntos, quedaron segundo e terceiro.

Finalmente, na clase Fígaro, o vencedor da 42º Regata de Primavera do Monte Real foi o Bouvento de Luis Alcázar, que acabou as probas con 5 puntos, tras gañar 3 das 4 probas disputadas. O Ladeira da baionesa Genoveva Pereiro e o Serralleiras da madrileña Elena Raga completaron o podio de gañadores.

Tras a celebración do Trofeo Repsol, o Monte Real Club de Yates prepárase xa para as súas próximas competicións, que se celebrarán nas próximas semanas. A fin de semana do 25 e 26 de maio a cita é para a vela de base en Galicia, co Trofeo Baitra de vela lixeira, no que competirán novos regatistas chegados de diferentes clubs da comunidade. E unha fin de semana despois, o do primeiro de xuño, o Monte Real acollerá a quinta edición do Memorial Rafael Olmedo, que volverá ser un ano máis Campionato Galego de Solitarios e A Dous.

Anuncios