Carlos Abal propón a creación dunha bolsa de vivendas de aluguer para mozos en Nigrán

O candidato popular á Alcaldía de Nigrán, Carlos Abal, desprazouse a Santiago de Compostela esta semana para abordar algunhas das necesidades urxentes do municipio coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto, e o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

Na reunión mantida coa titular de Vivenda o candidato popular abordou algunhas necesidades “urxentes e prioritarias” para o municipio e os seus veciños, por exemplo, entre as que se atopan a aprobación urxente do Plan Xeral de Ordenación Municipal e o desenvolvemento de medidas que impidan a fuxida dos mozos de Nigrán a outros municipios da comarca máis “amables” para o inicio dunha nova vida.

Plan Xeral

En relación a este tema, o candidato popular avanza que se logra o apoio suficiente para gobernar o próximo 26 de maio, o seu goberno incrementará o orzamento destinado ao Plan Xeral para obter a súa aprobación definitiva canto antes, adoptando as medidas necesarias para dotalo da maior seguridade xurídica posible e finalizando os informes pendentes. “Buscaremos o maior consenso posible para que Nigrán teña xa dunha vez por todas a ordenación urbanística que merece”, engade Abal.

Primeira bolsa de vivendas de aluguer para mozos

Nesta reunión abordou a que considera unha das propostas estrela do seu programa: a creación da primeira bolsa de vivendas de aluguer para mozos en Nigrán, “cunha dotación que se contemple no PXOM e que poña fin á fuxida de moitos mozos de Nigrán a outros municipios da comarca para iniciar unha nova vida ante a imposibilidade de atopar un lugar onde vivir no seu propio municipio”, explica o candidato popular.