Baiona iniciará o rescate do parking do Aral de maneira inminente e con fondos propios procedentes do remanente de tesourería, que actualmente ascende a catro millóns e medio de euros. Así o decidiu a Corporación tras levar a votación a modificación extraxudicial de crédito de dous millóns, no último pleno ordinario antes das eleccións do próximo 26 de maio celebrado onte.
A proposta saíu adiante cos votos a favor do PP e a concelleira non adscrita María Iglesias, a abstención do BNG e Beatriz González; ademais do veto de EU-SON Baiona e PSOE. Desta maneira as arcas municipais libraranse de ter que pedir un crédito á entidade financeira Abanca que xeraría en torno ao medio millón de intereses, xa que unha sentenza xudicial tras a renuncia da xestora Sofranda Gestao de Parques á explotación do aparcadoiro obriga ao Concello a abonar un total de 4 millóns, dos cales o 50% terá que facerse efectivo antes do mes de xullo de 2019, ademais doutros dous sucesivos pagos en 2020 e 2021.
O alcalde Ángel Rodal pola súa banda teno claro resaltando que “desta maneira evitarase endebedar a Baiona”. Ademais o rexedor lembrou que o feito de que a xestión das instalacións situadas baixo o campo de fútbol baionés se leve a cabo directamente desde o Concello, supón un extra en canto a beneficios sociais que redundan nos veciños da localidade miñorana, “como a primeira hora gratis de aparcadoiro, algo que unha empresa privada non podería afrontar”. Rodal engadiu que nestes momentos atópanse estudando un informe económico financeiro para decidir ata onde poderán efectuar rebaixas económicas aos preto de dous centenares de abonados ao aparcadoiro municipal, nas concesións a 50 anos das prazas, “así como melloras sociais dirixidas por exemplo a familias numerosas”.
Un Pleno moi breve
A reserva de crédito contemplada para o parking, ademais doutros 54.000 euros para rehabilitar unhas vivendas en Sabarís, foron os dous temas principais dunha sesión caracterizada pola súa brevidade xa que a quenda de rogos e preguntas chegou escasamente unha hora despois de comezar o pleno. Cabe destacar que tanto as negativas como as abstencións de catro dos grupos da oposición apoiáronse en que o informe de Intervención contemplaba un reparo relativo ao incumprimento da regra de gasto e de estabilidade orzamentaria, aínda que tamén contempla que a opción de obter o diñeiro necesario do remanente de tesourería é a que menos prexuízos carrexará ao municipio ao non levar asociados intereses económicos.

