O Bai de Tapas propón 25 días de tapeo por Baiona

Esta mañá tivo lugar a presentación da oitava edición do Bai de Tapas, no Mesón Fidalgo, establecemento que obtivo o recoñecemento á “Segunda Mellor Tapa do 2018”. Ao acto asistiu o Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, con parte do equipo de goberno, o presidente de Aceba, Marcos Comesaña, e medios de comunicación, así como os patrocinadores do concurso.

O concurso dará comezo o día 9 de maio e finalizará o domingo 2 de xuño. Está organizado pola Concellería de Turismo do Concello de Baiona, en colaboración coa Asociación de Comerciantes e Empresarios (Aceba) e patrocinado por Adegas Pazo de Villarei e Regina Viarum do Grupo HGA, Adegas Alcorta do Grupo Pernod Ricard e Disgobe Selección de Viños.

Durante 25 días, un total de 23 establecementos (2 máis que o ano pasado) de todo o municipio, elaborarán 23 tapas diferentes que servirán a un prezo de 2’50 €, ou 3’90 € combinado cun dos catro viños patrocinadores da campaña: o albariño Pazo de Villarei, o Mencía Heroico, ambos de HGA Adegas, o Rioxa Alcorta e, como novidade este ano, inclúese un viño da variedade Ribeira do Douro, tamén Alcorta, do grupo Pernod Ricard.

Do mesmo xeito que en edicións anteriores, os consumidores deberán selar o pasaporte e valorar as tapas de, polo menos, 6 establecementos para poder participar no sorteo de máis de 23 premios. O primeiro premio consistirá nunha experiencia completa para dúas persoas, para coñecer os cinco municipios de Asturias e Cantabria que, xunto con Baiona, forman parte da Asociación Villas Marineras, incluíndo aloxamento, pensión completa e actividades en cada Vila.

Da valoración dos consumidores sairán os nomes das tres tapas que conseguirán o primeiro, segundo e terceiro “Premio á Mellor Tapa 2019”. Unha vez máis, un xurado profesional, composto por persoas relacionadas co mundo da hostalería, dunha forma anónima, realizarán a ruta nos 23 establecementos valorando as tapas segundo os seguintes criterios: presentación, orixinalidade, sabor, e moi importante, servizo recibido ao degustar a tapa.

Da puntuación recibida sairá a “Mellor Tapa 2019” segundo o Xurado Profesional, cuxo establecemento recibirá un premio por parte dos patrocinadores do concurso consistente en 200 €.

CAMPAÑA PROMOCIONAL

Para a campaña promocional do Bai de Tapas destináronse numerosos recursos tanto económicos como persoais. A publicidade referente ao concurso ascende, ata o momento, a 9.000 € aproximadamente, reforzando a nosa presenza na nosa área de influencia e, sobre todo, na cidade de Vigo.

Os establecementos participantes nesta edición son os seguintes: A de Sabas, Ágora de Nyx, Bar Élysées, Bar Kchote, Bar Xacoba, Bay One, Cafetería Anunciada, Camu Camu Tapería Peruana, Central Park, Ecoadega, Estación Marítima Baiona, Jamonería Jaqueyvi, La Crep, La Mini, La Taberna del Pintor, Mesón Fidalgo, Olivando, Parador de Baiona, Pub Coctelería Bibendum, Queimada Gastrobar, Recuncho Mariñeiro, Restaurante Cafetería Monterrey e Tapería O Rincón.

IMG_0856