Nigrán ofrece os mellores monólogos de Carlos Blanco a beneficio de Baisenpulgas

O Concello de Nigrán ofrece este domingo, Día da Nai, ás 18:00 horas no Auditorio Municipal, unha escolma dos mellores monólogos de Carlos Blanco a beneficio de Baisenpulgas. Voluntarios da protectora de animais serán os encargados de recoller o donativo de 5 € entre as persoas que desexen asistir, para o que se abrirán as portas do Auditorio ás 17:00 horas permitíndose a entrada ata completar o aforamento.

O Concello desexa deste xeito colaborar con esta asociación coa que a inicios de ano aprobou no pleno a formalización dun convenio de 5.000 € para que poidan recoller cans e gatos durante a fin de semana ou ofrecer atención sanitaria urxente (circunstancias antes non cubertas). «Somos conscientes das limitacións coas que traballa esta asociación e desexamos colaborar novamente ofrecendo este evento ao seu beneficio», explica o alcalde, Juan González.

Difícil escoller pero Carlos Branco decide nesta actuación revisar algúns dos seus máis coñecidos monólogos: As bravas de Arousa (Queres Kiwis?), A dobraxe porno, Galizara, As grandes frases das nosas avoas e avós… 60 minutos de risas garantidas, porque Carlos introduce ademais cada noite elementos de actualidade e improvisación. Carlos adapta, xoga, fai jazz coa palabra e resulta imprescindible nestes tempos onde a risa é algo máis que terapéutica. O mellor do mellor. Os monólogos escollidos de Carlos Branco. 30 anos de traxectoria resumidos, barallados, gozados cada noite. Non recomendado a menores de 13 anos.

Anuncios