Sin categoría

A CEMMA pon en marcha a campaña de embarques participativos

A CEMMA pon en marcha a actividade de monitorización de cetáceos na plataforma de Galicia 2019. A previsión será a súa realización entre os meses de maio a setembro e en toda a costa de Galicia. Dende o ano 2003 ata o ano 2011 a CEMMA levou a cabo 125 embarques, cunha media anual de 14, nos que realizou 398 avistamentos de cetáceos, cunha relación media dun avistamento cada 2,4 h de navegación ou 28,6 km percorridos.

A falla de financiamento truncou ese traballo rutineiro e nos seguintes anos realizáronse tan só campañas de fotoId e campañas puntuais e sen continuidade. No ano 2018 lanzou a proposta dos Embarques participativos-EP con grande éxito de convocatoria pois permitiu a realización de 12 embarques nos portos de Vigo e o Grove na que se implicaron case 100 persoas.

A CEMMA quere recuperar as campañas sistemáticas de monitorización de cetáceos con continuidade ao longo dos anos para estudar a evolución das poboacións de cetáceos no litoral de Galicia. O obxectivo principal deste proxecto é o de incorporar información sobre a presenza e distribución dos cetáceos da plataforma de Galicia mediante a monitorización a través da realización de embarques.

Contarán coa participación dos asociados e voluntariado da CEMMA así como de de público en xeral, a gastos compartidos, que se incorporen á campaña. Calquera persoa pode participar independentemente dos seus coñecementos sobre o mar, cetáceos ou campañas. A campaña está limitada a menores entre 12 e 18 anos que veñan acompañados. Asumirán os criterios do estudo, recibindo formación técnica mínima e información sobre educación ambiental mariña, en xeral, e sobre os mamíferos mariños en particular.

Campañas programadas

Están propostas 25 xornadas dende os portos de: Vigo, Portonovo, O Grove, Fisterra e Foz, en diferente tipo de plataformas, cunha periodicidade dun embarque mensual en cada porto. Pódese consultar toda a información das campañas de embarques participativos, para a monitorización de cetáceos, na web http://www.cemma.org/embarcate.htm ou enviando un correo a cemmasolicitud@gmail.com.

Estas campañas están autorizadas como actividade de avistamento de cetáceos pola Secretaría de Estado de Medio Ambiente, Ministerio para la Transición Ecológica. De conseguir o obxectivo marcado esta sería a campaña de maior cobertura realizada ata o de agora en toda a costa de Galicia. Este tipo de campañas presentan certas limitacións, espaciais e temporais, pero son unha boa oportunidade de continuar cos traballos de distribución e densidade de cetáceos comezadas en Galicia a principios do século XXI.