Presentado na Universidade de Vigo o proxecto Baiona Campus Residencial

FOTO: UVIGO // Ángel Rodal, Natalia Caparrini e Marcos Comesaña.

Preto de 6000 estudantes da Universidade de Vigo (máis de 500 son estranxeiros) teñen a súa residencia familiar fóra da cidade olívica e da súa área metropolitana e, polo tanto, precisan dun aloxamento que lles permita durante o curso desenvolver a súa vida académica no campus vigués. Este é o principal público do proxecto Baiona Campus Residencial, unha iniciativa que trata de atraer estudantes, docentes e investigadores á vila do Val Miñor durante os meses lectivos. A iniciativa foi presentada este xoves no campus e o convenio que lle dá cobertura foi asinado polo reitor, Manuel Reigosa; o alcalde de Baiona, Ángel Rodal e o presidente de Aceba (Asociación Comerciantes e Empresarios de Baiona) Marcos Comesaña.

O alcalde de Baiona explicaba que se trata dun “proxecto ambicioso e ilusionante que, a pesar de que non é sinxelo poñelo en marcha, é moi realista”. Rodal destacou o valor etnográfico, cultural, patrimonial e gastronómico do concello e puxo en valor instalacións como a biblioteca, entre as mellores de Galicia en concellos de entre 10.000 e 20.000 habitantes, ou o pavillón deportivo, “dos máis baratos de toda Galicia”.

Pola súa banda, Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, subliñaba que esta é unha oportunidade de “ampliar a oferta de servizos e aloxamento que ofrecemos” á comunidade universitaria pero tamén para “achegar a Universidade á contorna”. De feito, remarcou que este campus residencial non está só pensado para alumnado, senón tamén para “docentes e investigadores que veñen facer estadías e estudantes estranxeiros de intercambio”.

Nas próximas semanas a web desta iniciativa irá rexistrando as ofertas de aloxamento de cara ao próximo curso, tanto de vivendas como de habitacións de hotel. Con esta iniciativa o Concello de Baiona e Aceba tratan de impulsar un “elemento desestacionalizador”, como tamén fixeron co Camiño Portugués da costa, que “no ano pasado xa pasamos de 7000 a 14.000 peregrinos e, de non ter albergue a ter dous”, a pesar de que comezou con “moita incerteza e reticencias”. Por iso, Marcos Comesaña, presidente de Aceba, anima aos propietarios a explorar esta vía, que lles permitirá poñer no mercado estes alugueres fóra da temporada de verán e atraer así tamén xente nova á vila durante o curso escolar, o que tamén pode axudar á economía local. A previsión dos impulsores do proxecto é chegar en cinco anos a aloxar en Baiona 750 membros da comunidade universitaria, xa que estiman que existen “700 pisos que están baleiros todo o ano, con excepción de agosto”.

Pisos e hoteis a 25 minutos do campus

O proxecto Baiona Campus Residencial, como explicaba Marcos Comesaña aséntase, “como principal vantaxe”, na proximidade entre Baiona e o campus de Vigo, apenas 25 minutos en autobús. A idea é poñer a disposición da comunidade universitaria tanto pisos e apartamentos como hoteis que fóra da temporada estival están baleiros, que funcionarán a modo de residencias universitarias. Para o próximo curso xa se ofertarán estes dous tipos de aloxamentos, que serán xestionados por inmobiliarias, tratando de facilitar os trámites aos propietarios. Inicialmente implicaranse tres hoteis que ofertan 100 prazas de aloxamento e, no que se refire aos pisos, Comesaña agarda que se vaian sumando pouco a pouco e irán ofertándose a través da web do proxecto, con vivendas de 1, 2 ou 3 habitacións e cun prezo de partida de arredor de 280 euros. “Todo o aloxamento estará céntrico, preto de todos os servizos que ofrece Baiona, aos que se pode acceder en tempo de entre 5 e 7 minutos, o que permite unha estanza moi cómoda”.

O alcalde da vila salientou como grandes potencias de Baiona “a biblioteca, as instalacións deportivas, natureza, paseos, roteiros, e unha ampla oferta de pequeno comercio e gastronomía. “Somos 12.000 habitantes en inverno pero con todos os servizos, instalacións e facilidades que poidan necesitar os estudantes e sen necesidade de ter un vehículo”. Para o transporte ao campus porase en marcha unha liña directa de autobuses, cun prezo que roldará os 70 euros mensuais. Ademais, a idea é seguir sumando sinerxías co tecido económico da vila para poder ofrecer, por exemplo, menús para estudantes a un prezo reducido.

Anuncios