O mercado de Sabarís regresa ao pasado

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // III Mercado Antigo de Sabaryz.

A parroquia de Santa Cristina da Ramallosa rememorou este mércores un dos asentamentos de mercadores con máis historia do Val Miñor e un dos máis antigos de Galicia, o de Sabarís. Miles de persoas non faltaron á cita, que se celebrou por terceiro ano consecutivo, podendo percorrer un variado mercado con oficios antigos, artesanía e mercadorías de época, con postos de comida, obradoiros infantís e de circo, pasarrúas, música e baile tradicional, espectáculos de circo, maxia e lume ou un concerto de música antiga.

O núcleo central do “III Mercado Antigo de Sabaryz” foi a Praza Victoria Cadaval e estendeuse tamén a boa parte da Avenida Julián Valverde, onde se instalaron postos de artesáns, todos eles con produtos de elaboración propia, e anticuarios. Ademais, establecementos hostaleiros da parroquia instaláronse no mercado e foron os encargados da oferta gastronómica.

Os actos comezaron ás 10:00 da mañá co disparo de salvas. Ao longo de toda a xornada non faltaron os pasarrúas do Grupo de Gaitas “A Seneira” e a Escola de Danza Vila de Baiona, que ademais ofreceron diversas actuacións en diferentes puntos da feira, e os seres imaxinarios ao son de música, a cargo de Kepler T&T, o espectáculo de circo cómico e aéreos da compañía “El niño lápiz” e a maxia de Alessio Barli. O grupo Manseliña ofreceu o concerto “Cantigas medievais e tradicionais do noroeste da península Ibérica” na Igrexa de Santa Cristina da Ramallosa, e o broche final á xornada púxoo Kepler T&T cun espectáculo de lume.

Os máis pequenos tamén tiveron o seu particular espazo na feira, a “Alameda dos Aprendices”, un recinto co recuncho do pintor, minihorta, e obradoiros de coiro, dragóns medievais, catapultas e raíñas e reis a cargo de Matrácala, actividades lúdicas e recreativas; e outra zona con obradoiros circenses, onde os participantes puideron practicar e demostrar as súas habilidades coas pelotas, panos, mazas, aneis, pratos chineses, diábolos, cariocas, zancos de man e pés, hulah hoops, monociclos, pedais e rulos de equilibrio, slackline… a cargo da empresa Jugacirc.

Ademais este ano como novidade, veciños e visitantes puideron participar nunha demostración do xogo de bolos celta e do xogo da chave por parte do Club de Bolos A Rega de Sabarís, que exhibiu como se desenvolven estes tradicionais xogos. O xogo de bolos é probablemente a máis antiga modalidade deportiva das que se practican no municipio, cunha antigüidade de ao redor de dous séculos, por iso ao Concello pareceulle interesante tela presente nesta edición do antigo mercado.

Historia do Mercado

A primeira noticia histórica deste mercado remóntase a 1736 onde aparece escrito nun documento antigo, que na ponte de Sabaryz producíanse asentamentos de mercadores e comerciantes, que burlando a Real Provisión que os Reis Católicos concedéranlle a Monte Real en 1497, tentaban vender os seus produtos nos camiños de acceso a Baiona ou agrupándose en lugares como San Antón, O Burgo, a Rúa Real e a ponte de Sabarís, onde eran reiteradamente dispersados e sancionados pola autoridade local.

Non é ata 1838 no que se autoriza e permítese a venda ambulante no devandito emprazamento e o verdadeiro mérito do Mercado de Sabarís está en que desde entón e ininterrompidamente veuse celebrando puntualmente todos os luns ata os nosos días no mesmo lugar. O Concello de Baiona en homenaxe ao Mercado de Sabarís, organiza anualmente unha edición especial de época, rememorando a feira e poñendo en valor a historia, costume e tradición dunha das súas parroquias máis importantes.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.