O pequeno comercio de Nigrán repartirá 5.000 bolsas reutilizables entre os seus clientes

Concello de Nigrán e a concesionaria Aqualia entregarán a OVALMI 5.000 bolsas da compra reutilizables para que os establecementos comerciais do municipio as distribúan gratuitamente entre os seus clientes e contribuír así coa protección do medio ambiente. Estas xa foron deseñadas e encargadas a unha empresa do municipio para que estean listas antes do verán.

A iniciativa proposta dende a asociación de empresarios foi acollida con entusiasmo polo Concello de Nigrán, xa que encaixa coa “Axenda 2030 de obxectivos de desenvolvemento sostible” que busca que nesta data tódolos plásticos de Europa sexan reciclables ou reutilizables. “Temos un plan estratéxico para cumprir coa axenda 2030 dende o propio Concello e, entre as diferentes medidas, figuran a redución de plásticos con iniciativas concretas como evitar o emprego de bolsas plásticas nas praias de Nigrán antes de 2021 para que así non acaben contaminando o mar ou emporcallando os areais”, explica o alcalde, Juan González.

As bolsas, de material non tecido e de 38×40 cm con asa longa, están ilustradas pola artista nigranesa Olalla Fernández cunha estética alegre e positiva que invita a levala pola rúa con orgullo, e inclúen o seguinte texto: “Eu merco no pequeno comercio de Nigrán porque xuntos creamos un concello máis sostible e cheo de vida”, e na outra cara, “6 motivos para mercar no pequeno comercio de Nigrán: porque somos veciños. Porque a riqueza se queda no noso pobo. Porque axudas as persoas emprendedoras. Porque sempre temos un sorriso de agradecemento. Porque ti nos importas”.

“Ademais de colaborar dende o local coa protección do medio ambiente consideramos que tamén é unha maneira de incentivar a compra no pequeno comercio. Para unha gran superficie non significa ningún esforzo ter a disposición dos clientes bolsas reutilizables, pero para un pequeno comercio é un investimento que seguramente economicamente non lle resulta rendible. Deste xeito ás tendas non lles supón ningún esforzo económico e, ademais, a poderán repartir gratuitamente”, sinala o alcalde, Juan González.

Anuncios