Tres medallas para o Gondomar Acro Club no Campionato Galego Base

Este fin de semana celebrouse no polideportivo de Monte Porreiro, en Marcón (Pontevedra) o Campionato Galego de Base, de Elite e a Copa Galicia Escolar, no que o Gondomar Acro Club (GAC) presentaba 6 ximnastas de base e 3 escolares.

As medallas foron cousa de tríos femininos. Ángela Rodríguez, Belén Costas e Helena Veiga, na categoría alevín, colgáronse a medalla de prata. Pouco despois, Lía Hermida, Naiara Araujo e Nerea Gallego acadaban a terceira posición, provocando que as de Gondomar se subiran ao terceiro caixón por equipos por primeira vez na breve historia do club.

“Estou moi contenta cos resultados acadados no Campionato Galego Base, sobre todo porque fomos quen de mellorar as puntuacións con respecto ás derradeiras competicións. De momento, debemos compararnos con nós mesmos porque competimos con clubs con moita máis tradición acrobática. Agora nos toca axustar os exercicios para preparar o Campionato de España. Temos un mes exacto para iso”, comenta Cristina Castro, adestradora do GAC.

Na Copa Galicia Escolar Candela Alonso, Gabriela Baltar e Xian Carballal fixeron un exercicio discreto. Aínda así, ese quinto posto sabe a gloria xa que había 14 equipos e, ademais, porque foron os que tiveron unha maior nota artística.

“Nos queda traballar para mellorar a execución de cara as próximas citas competitivas. Pouquiño a pouquiño que queremos chegar lonxe…”.

2019-04-30 - Equipo ESCOLAR_GAC