Outro coche termina estrelado contra un farol en Nigrán

FOTO: POLICÍA LOCAL // Estado no que quedou o vehículo e o farol.

Outro vehículo saíuse da vía este luns en Nigrán e terminou chocando contra un farol na rúa Telleira, xunto ao cruzamento coa rúa Cantábrico. O suceso produciuse ao redor das 23:30 horas, só unhas horas despois de que un veciño do municipio esnaquizase o seu Ferrari tras chocar contra un poste do tendido eléctrico na PO-552.

Nesta ocasión, o condutor do coche si deu positivo tras ser sometido á proba de alcoholemia. Non houbo que lamentar danos persoais pero si materiais, tanto no vehículo como no propio farol. Ata o lugar desprazouse a Policía Local de Nigrán e efectivos do GES Val Miñor, que tiveron que limpar a calzada ao derramarse líquidos deslizantes sobre a vía.