
Quinto clasificado na xeral por equipos e con dous corredores axexando os dez primeiros postos da xeral individual, o Vigo-Rías Baixas está a asinar a mellor actuación da súa historia na Copa de España. Con todo, a entidade presidida por José Luis Chamorro non se conforma con este balance e pretende aumentar o seu botín esta semana nas dúas últimas xornadas puntuables do certame estatal. A primeira delas disputaraa este mércores en Legazpi (Guipúscoa).
A Santikutz Klasika, carreira decana da Copa de España, celebra a súa 86ª edición e presenta un perfil que se adapta ás características dos escaladores do Vigo-Rías Baixas. Nos 147 quilómetros de percorrido os ciclistas terán que superar sete portos de terceira categoría antes de afrontar as dúas subidas máis esixentes: o muro do Kirtemberg (km 109), de 1.800 metros de lonxitude e con ramplas que se achegan ao 18% de desnivel, e o Alto de Deskarga, un alto de segunda coa súa cima a 7 quilómetros de meta.
Carlos Cobos, undécimo na xeral, e Samuel Blanco, decimo sétimo, serán as principais bazas do conxunto flúor xunto a Julián Barrientos. Os tres asinaron postos dentro do Top-10 o pasado sábado na Clásica de Pascua en Padrón. Este trío de ciclistas Elite estarán acompañados en terras guipuscoanas por David Domínguez, Alejandro de Rozas e Gabriel Ochando, tres debutantes esta tempada na categoría, e polo tamén sub23 Sergio Arias.
Os pupilos de Gorka Beloki recuperaron na anterior xornada a quinta praza na táboa por escuadras. A marxe sobre o seu inmediato perseguidor é de 15 puntos, unha distancia similar á que separa ao Vigo-Rías Baixas da cuarta praza. Tras a disputa da Santikutz Klasika, que arrancará ás 09:30 horas, a Copa de España resolverase o domingo no Gran Premio Macario de Alcalá de Henares (Madrid).