En liza unha nova edición do Trofeo Repsol do Monte Real

O Monte Real Club de Yates de Baiona pon en liza a partir de mañá unha nova edición do Trofeo Repsol, que este ano será tamén Copa Luso Galaica de J80 e celebrarase durante tres xornadas na ría de Vigo, con varias regatas no interior da baía de Baiona e o fondeadoiro das Illas Cíes.

O club baionés presentou oficialmente a competición esta mañá nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde de Baiona, Ángel Rodal; a responsable de Mariña e Pesca de Repsol, Inés González; e o presidente e vicepresidente do Monte Real, José Luis Álvarez e Alejandro Retolaza.

No evento detalláronse as características da que está considerada unha das probas máis importantes da tempada de vela pesada en Galicia, e na que xa anunciaron a súa participación 25 tripulacións chegadas de diferentes puntos do país.

Fronte á liña de saída situaranse barcos como o Grupo Santorum & Martinez do Club Náutico Deportivo de Riveira, con Javier Durán á roda; o Fend la Bise de Jean Claude Sarrade, que volverá correr unha vez máis polo Monte Real Club de Yates; o Nahela do Club Deportivo Alagua da Guarda, recente gañador do Trofeo Comunica; ou o Starfighter de Julio Rodríguez, do Real Club Náutico de Vigo.

Repetirán ademais neste 2019 os gañadores da anterior edición, que foron o Bosch Service Solutions de Ramón Ojea, vencedor na clase cruceiro-regata e na clasificación xeral; e o Balea Dous de Rodeira, con Luis Pérez aos mandos, gañador da clase cruceiro. Volverá tamén a Baiona a madrileña Elena Raga, que en 2018 fíxose coa vitoria da clase Fígaro.

Na clase J80, a frota de barcos do Monte Real Club de Yates será, unha vez máis, a máis destacada, con presenza entre outros dos dous monotipos que se asinaron os triunfos das últimas competicións celebradas en Galicia: o Okofen de Javier de la Gándara e o Cansino de Fernando Yáñez.

Cinco probas en tres días de regatas

O Trofeo Repsol deste 2019 inclúe no seu programa cinco probas divididas nos tres días que se prolongará a competición.

A primeira xornada, mañá mércores, festivo do primeiro de maio, incluirá un percorrido costeiro con saída no interior da baía de Baiona e paso fronte a diferentes areais ata o Faro de Tofiño, nas proximidades do Museo do Mar de Galicia, virando na zona para regresar de novo ao interior da baía, onde se colocará a liña de chegada.

A competición continuará a fin de semana do sábado 4 e domingo 5 de maio, con dúas etapas que, aínda que se definirán por completo en base ás previsións meteorolóxicas da xornada, prevese que sexan un barlovento/sotavento e un percorrido costeiro o sábado, e dous percorridos barlovento/sotavento o domingo. Serán as probas definitivas nas que se definirán os podios de gañadores e disputaranse nas proximidades das Illas Cíes.

En disputa a Copa Luso Galaica de J80

Tras ser Campionato de España de J80 en 2018, o Trofeo Repsol deste 2019 albergará a disputa da Copa Luso Galaica de J80, na que medirán as súas forzas os diferentes J80 participantes. A copa terá como programa as mesmas probas previstas para o resto da frota, incluíndo dous percorridos costeiros pola ría de Vigo e varios bastóns no fondeadoiro de Cíes. A diferenza cos cruceiros será que, como vén sendo habitual, os J80, idénticos entre si, competirán en tempo real.

Os 42 anos dunha proba única en Galicia

“Poucas probas hai máis lonxevas en Galicia que a Regata de Primavera do Monte Real Club de Yates, que se celebra con gran éxito desde hai máis de 40 anos”. Foi o que destacou esta mañá na presentación oficial o presidente do Monte Real, José Luis Álvarez, quen agradeceu a Repsol o apoio prestado ao club durante todos estes anos.

En representación da compañía enerxética, patrocinadora do evento, estivo presente a responsable de Mariña e Pesca, Inés González, quen augurou un gran éxito á competición e animou a todos os regatistas a participar no trofeo.

Á presentación tamén asistiron o xefe do servizo de deportes da provincia de Pontevedra, Daniel Benavides, que destacou o impulso que supón para Galicia o contar con estas competicións de alto nivel; o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, que incidiu na estreita relación que Baiona sempre ten co mar; e o vicepresidente do Monte Real, Alejandro Retolaza, que ofreceu todos os detalles do trofeo.

Ceas, concertos e degustacións completarán o programa deportivo

Ademais do programa deportivo de auga, o Trofeo Repsol deste 2019 inclúe varias actividades de lecer para os participantes, das que poderán gozar no Monte Real unha vez finalicen as probas. O club preparou para eles varias ceas mariñeiras, música en directo e degustacións de Martin Miller Gin e Royal Bliss.

Anuncios