A Concellería de Xuventude do Concello de Gondomar, dirixida por Nuria Lameiro, na súa procura de ofertar unha formación de interese á mocidade proponlles un curso de operacións básicas de carnicería e charcutería. A industria alimentaria ten gran presenza na nosa contorna e formar á mocidade neste ámbito pódelles abrir portas de cara a súa inserción laboral.
Adquirirán os coñecementos básicos para o despece vacún e porcino, a fabricación de produtos frescos e curados, coñecemento de produtos aditivos alimentarios, seguridade e hixiene.
O curso será de 50 horas de formación teórico-práctica e oito horas máis nas que recibirán unha formación transversal dun módulo de orientación laboral a través dun obradoiro práctico onde se lles amosará como deben adaptar o seu currículo aos postos do sector da industria alimentaria e outro de Igualdade. Comezará o 27 de maio e rematará o 13 de xuño, en horario de tarde.
O prazo de inscrición do curso vai do 2 ao 22 de maio. Dirixido con preferencia á mocidade de entre 18 e 35 anos, desempregada e do Concello de Gondomar. Para formalizar a inscrición hai que cubrir os anexos que están dispoñibles na páxina web do Concello de Gondomar e na OMIX e entregalos no Rexistro do Concello durante ese período de inscrición. Para máis información chamar ao teléfono 986 369 746.

