Colectivos animalistas lamentan que Xunta e Ence patrocinen un campionato de caza en Baiona

A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber lamentaron esta mañá unha nova colaboración por parte da papeleira ENCE a un campionato de caza que terá lugar en Baiona o próximo 4 de Maio e onde tamén aparecen as imaxes corporativas da Xunta de Galicia e a Fundación Deporte Galego.

Os animalistas critican que o executivo autonómico siga dando apoio a unha actividade innecesaria, lembrando que as pseudocompeticións contra raposos xa foron rexeitadas polo Parlamento de Galicia de forma unánime, instando a non dedicar fondos públicos, mentres que consideran que a fábrica situada en Pontevedra debería autoexcluirse de patrocinios polémicos.

Neste sentido FFW e LIBERA! lembran que estes campionatos son autorizados polo goberno autonómico sen que existan censos científicos sobre as diferentes especies consideradas «cinexéticas» e esténdense fóra da tempada regular de caza que cada ano aproba a Consellería de Medio Ambiente, xerando ademais un maior impacto ambiental ao posibilitar estas macrocacerías con munición de chumbo.

O recente proceso de Eleccións Xerais evidenciou que as formulacións de PP e VOX dunha Galicia «de tiros e touros» fracasaron estrepitosamente na comarca, polo que piden que, atendendo ao último posicionamento dunha importante porcentaxe do electorado, a Xunta cancele calquera soporte público á caza.

img1-026