UCN rexeita a guerra das bandeiras azuis con ADEAC por parte do goberno de Nigrán

O portavoz da formación Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, rexeita de forma rotunda a guerra exposta polo alcalde Juan González contra ADEAC como consecuencia da renuncia ás bandeiras azuis que veñen ondeando nas praias do municipio desde hai máis de 30 anos, alegando unha suposta “chantaxe” desta asociación de educación ambiental e do consumidor -de ámbito internacional-, co Concello de Nigrán, e poñendo como escusa a celebración das festas patronais de Praia América e que ao parecer ADEAC rexeita para outorgar as bandeiras. Para Fernández Comesaña é “totalmente inaceptable” a decisión “irresponsable” do alcalde, “xa que se trata dunha medida que nin tan sequera foi comunicada aos empresarios, ante o risco que pode supoñer para o sector hostaleiro, o emprego e tamén para o turismo, polo que está a xerar moita inquietude”.

Para UCN, tal e como advertiu no pasado pleno, é completamente falso que as razóns para non solicitar as bandeiras azuis por parte do Concello sexa a celebración dunhas festas populares, “cando está demostrado polos informes de inspección levados a cabo nos últimos anos que a retirada puntual das bandeiras azuis nas praias de América e Panxón debeuse exclusivamente á falta de socorristas, cando unicamente atopábase un de servizo sendo o mínimo esixido dous -e que puidese poñer en risco a seguridade dos bañistas-, pero non as festas populares de Praia América -o que nunca sucedeu-, a non ser que sexa por culpa do festival Vive Nigrán que organiza o Concello, que vén realizando nos últimos anos na mesma contorna e xerando queixas por parte dalgúns residentes, xa que non é o lugar idóneo para eses eventos que deberían realizarse en Porto do Molle”.

UCN lembra que as obrigacións que comporta o distintivo de calidade das bandeiras azuis é fundamentalmente pola excelente calidade das augas, cumprir coa directiva de tratamento de augas residuais, análises periódicas das augas, limpeza dos areais, adecuada xestión dos residuos incluíndo a recollida selectiva, baños públicos e adaptados para persoas con discapacidade, accesos seguros etc., “que polo que se ve o alcalde non quere someterse a ningún control nin inspección, como sucedeu o pasado verán que non advertiu dun feito puntual de contaminación e foi sancionado pola Xunta”. Sen ir máis lonxe, segundo denuncia o partido independente, durante a Semana Santa os areais estaban completamente sucios e sen limpar “dando unha imaxe deplorable do municipio, tal e como denunciamos no pasado pleno, por iso o alcalde quere evitar que o controlen”.

Fernández Comesaña, ve máis ben unha cortina de fume para tapar a falta de xestión e incapacidade do alcalde, “xa que estamos ante un goberno irresponsable que quere volver ao pasado no canto de avanzar e mirar ao futuro, e poñémonos á beira e a disposición dos empresarios do sector, para que Nigrán volva contar cuns galardóns internacionais, polo que cada ano están a loitar para incorporarse a maioría do municipios costeiros do país, mentres nós lamentablemente desprezámolos”, conclúe o portavoz independente.