O CPA Gondomar sobe ao máis alto do podio no II Trofeo de Show Salvaterra Milenaria

Este sábado tivo lugar a segunda edición do Trofeo Show Salvaterra Milenaria, celebrado no Pavillón Cándido Carrera, en Salvaterra do Miño, cunha asistencia de máis de 2000 persoas que gozaron dun trofeo espectacular de patinaxe artística sobre rodas. Na presente ocasión constaba de 22 grupos participantes, en 6 modalidades: grupos promocional grande, grupos júnior, cuartetos, grupos grandes, grupo promocional pequeno e grupos pequenos.

Saíndo a pista en segundo lugar, na categoría de grupos pequenos, o Club de Patinaxe Artística Gondomar coa súa “Saint Mary”, a ritmo de palmas ovacionados pola totalidade do público asistente, mostraron un magnífico show que revolucionou as bancadas con grandes aplausos ante a impoñente actuación. A súa posta en escena mostrou unha gran técnica e dificultade como é frecuente xa nas gondomareñas, que se reflectiu na puntuación máis alta do trofeo.

As patinadoras estiveron apoiadas polo seu equipo técnico en toda a xornada, e especialmente arroupadas polo seu adestrador David Figueroa. As gondomareñas, como xa nos teñen afeitos, diferéncianse na pista pola súa forza, velocidade e entrega, sen igual. A tan só 5 días do Campionato de Europa, que se disputará en Italia, en Reggio Emilia, as patinadoras mostraron o seu magnífico show reflicto dun continuo adestramento que se mostrou subindo todo o máis alto do podio.

Anuncios