Nigrán instala regulación semafórica no cruce da Rúa dos Pazos con Baleazas

O Concello de Nigrán está a executar as obras para instalar regulación semafórica no cruce da Rúa dos Pazos con Baleazas e Pateira, no barrio de A Tarela, co fin de mellorar a seguridade viaria nun tramo especialmente perigoso, con alta sinistralidade, e empregado polos autobuses escolares. Por un lado estase a realizar a obra de fresado e reposición do firme e, por outro, trasladarase a instalación semafórica existente no cruce co camiño da Golada, na Xunqueira, xa que na remodelación da Avenida de Portugal se incluirá unha glorieta que a inutilizará. O investimento total foi de preto de 40.000 € e agárdase que estea operativo nas vindeiras semanas.

Este cruce de A Tarela resulta especialmente perigoso pola gran velocidade á que circulan os vehículos pola Rúa dos Pazos e a escasa visibilidade dos que se desexan incorporar, sendo ademais parte do itinerario dos autobuses escolares ao CEIP da Cruz. «É un cruce con alta sinistralidade e realmente complexo, especialmente para os que se incorporan dende Camiño da Pateira, polo que se trata dunha vella demanda veciñal. A isto se engade que forma parte do acceso de autobuses escolares, que fan ese traxecto varias veces ao día», recoñece o alcalde, Juan González.