Nigrán esixiralle a Zona Franca que financie a rehabilitación do muíño de Porto do Molle

Fai máis de medio ano, e aos poucos meses de ser designado como novo Delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades visitaba, en compañía do goberno municipal de Nigrán, as ruínas do muíño de Porto do Molle para fotografarse diante del, ao mesmo tempo que o concello anunciaba pomposamente a través dos medios de comunicación que Nigrán e Zona Franca chegaran a un acordo para a súa rehabilitación. Pero a realidade é que pasado o impulso inicial de anuncios, non se materializou ningunha acción para levala á cabo, permanecendo o inmoble, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), en estado ruinoso.

Xa no 2013, durante o desenvolvemento do parque empresarial, elaborouse un proxecto para a súa rehabilitación. Proxecto que, pese a transcorrer 6 anos, nunca se levou a cabo, permanecendo neste tempo, e dependendo das épocas, nun total abandono e incluso invadido pola maleza. “O evidente desinterese do Consorcio contrasta cos importantes investimentos, realizados ou previstos, en inmobles históricos noutras localidades. Así, a modo de exemplo, sinalar a rehabilitación da Casa do Reloxo en Baiona, próxima ao millón de euros, ou a tamén millonaria compra anunciada do edificio do antigo reitorado en Vigo. Mentres, elude acometer un proxecto de menos de 200.000 euros en Nigrán nun BIC situado no seu parque empresarial”, sinala Xavier Rodríguez, Portavoz Municipal do BNG.

Esta é a razón pola que o BNG elevou ao Pleno de Nigrán unha moción, aprobada por unanimidade, para que a corporación inste á Zona Franca a que asuma o financiamento do proxecto de rehabilitación do muíño de Porto do Molle e a súa contorna, trasladando tamén copia do acordo, ademais de ao propio Consorcio, ao seu Presidente, Abel Caballero, e ao Delegado do Estado, David Regades.

Anuncios