O Rallye Recalvi Rías Baixas forma a novos comisarios de ruta

A Escudería Rías Baixas organiza un curso sobre a seguridade nos rallyes dirixido a todas aquelas persoas que queiran botar unha man na celebración do 53 Rallye Recalvi Rías Baixas. Será este sábado, a partir das 17:00 horas no Auditorio do Concello de Salceda de Caselas.

Con esta actividade, a organización da proba viguesa formará, sobre todo, novos comisarios de ruta; voluntarios que terán que informar e orientar ao público que se achegue aos tramos para seguir a carreira, indicándolle cales son os lugares máis seguros onde situarse.

A Escuadra que preside Fernando Mouriño sempre prestou especial atención á seguridade no rallye, sendo mesmo pioneiro na utilización de cintas de cores para colocar aos afeccionados a pé de tramo, e para esta nova edición do Rías tampouco escatimará esforzos.

O curso estará impartido polo responsable de seguridade do Rallye Recalvi Rías Baixas, Fernando Adán, a directora de carreira Marisa Arias e o propio Fernando Mouriño. É unha actividade gratuíta, aberta a todo o que queira acudir. Ademais, ao termo da mesma, a Escuadra sorteará merchandising do rallye entre todos os asistentes.

Récord de participación

O 53 Rallye Recalvi Rías Baixas, terceira proba do Campionato Galego de Ralis, contará cun cartel de luxo. De feito, a máis de tres semanas para que se celebre a proba xa se cubriu a cota dos 160 participantes que poderán tomar a saída. Estarán todos os equipos que loitan polo título rexional e polas principais copas, ademais de pilotos da talla do subcampión de España de ralis de asfalto, Iván Ares, ou o campión asturiano Óscar Palacio.

O 53 Rallye Recalvi Rías Baixas disputarase en dúas xornadas, o 17 e 18 de maio. O venres, os equipos darán dúas pasadas ao tramo urbano de O Castro que a Escuadra recupera, tras celebrarse con éxito, nas edicións 48 e 49. Para a xornada do sábado quedarán os tramos Vigo-Alba, Gondomar-Porriño e Salceda.

Anuncios