Un primeiro e un segundo posto para o baionés Brais Gómez en Baños de Molgas

O baionés Brais Gómez Cima disputou do 18 ao 21 de abril na localidade ourensá de Baños de Molgas unha nova edición de “Os 4 Días de Ourense A Provincia Termal”. O corredor do Club Ciclista Ponteareas conseguiu subirse ao podio en dúas das catro etapas, cun segundo e un primeiro posto.

Na segunda etapa, celebrada o venres, Brais Gómez ocupou o posto 61º na xeral e foi o segundo júnior en cruzar a liña de meta situada en Baños de Molgas. Estivo acompañado no podio polos seus compañeiros de equipo Manuel Rodríguez Alonso e Miguel Suárez Fernández, primeiro e terceiro respectivamente.

Na terceira, o baionés impúxose na súa categoría, na que Gianni Gianneli, do Redoldela El Picolo, foi segundo, e Jorge Fernández Lorenzo, tamén do Club Ciclista Ponteareas, terceiro. Brais ocupou o posto 12º na clasificación xeral.

Na primeira etapa, o corredor baionés foi o cuarto da súa categoría -35º na xeral-, e na cuarta e última, o quinto -45º na xeral-. Brais ocupou o posto 35º na clasificación xeral final, sendo o cuarto júnior.

A proba, organizada pola Fundación ADO Moure Pro Deporte na comarca de Baños de Molgas, consta de catro etapas independentes, que se disputan en diferentes circuítos con saída e chegada no Albergue Turístico de Baños de Molgas cun percorrido de 69,81, 72,59, 61,31 e 62,1 km respectivamente.

UN PRIMEIRO E UN SEGUNDO POSTO PARA O BAIONÉS BRAIS GÓMEZ EN BAÑOS DE MOLGAS

Anuncios