O Nahela da Guarda, campión do Trofeo Comunica

FOTO: ROSANA CALVO // O Yess Too, o Starfighter e o Nahela foron tres dos veleiros destacados do Trofeo Comunica.

O Trofeo Comunica do Monte Real Club de Yates pechou este sábado unha nova edición coroando como gañador ao Nahela, do Club Deportivo Alagua da Guarda, que resultou vencedor absoluto na clasificación xeral, gañando tamén na clase ORC 1.

A competición, disputada por primeira vez no marco da Semana Santa, desenvolveuse cunhas moi boas condicións meteorolóxicas, tipicamente estivais, con sol, sen apenas nubes, temperaturas elevadas e un vento do oeste-suroeste que se moveu entre os 6 e os 10 nós, o que axilizou a navegación dos veleiros rumbo a Baiona.

Tras escoitar o bocinazo de saída fronte ao peirao de transatlánticos de Vigo ás dúas da tarde e emprender unha longa cinguida, de case 9 millas rumbo a Baiona, a frota tomou as balizas da Negra e Carallones, e cruzou finalmente a liña de chegada no interior da baía baionesa.

As previsións meteorolóxicas, que anunciaban a entrada de vento do norte, xogáronlle unha mala pasada aos veleiros que elixiron ese rumbo esperando un vento que finalmente non entrou. Máis sorte tiveron os que enfrontaron a proba polo sur, como o Nahela da Guarda. O seu patrón, Víctor Manuel Álvarez, asegurou que se viron favorecidos pola sorte e as boas decisións tomadas.

“O lóxico era ir cara ao norte, pola previsión, pero vimos máis presión cara ao sur e decidimos tomar ese rumbo, o que nos permitiu acertar. Tivemos algún problema no cambio de zona, para pasar de sur cara a Cíes, e aí perdemos moito tempo, pero finalmente logramos gañar e estamos moi contentos de que nos beneficiase tanto a compensación de tempos”, asegurou o patrón do Nahela tras finalizar a competición.

O barco do Club Deportivo Alagua subiuse ao máis alto do podio dos da súa clase e levou do Monte Real os trofeos ao mellor da xeral e gañador de ORC 1. A segunda e terceira posición desa categoría foron para o Starfighter de Julio Rodríguez, do Real Club Náutico de Vigo; e o Unus do Monte Real Club de Yates, patroneado por Luis García Trigo.

Un barco desa clase, o Swan 45 do Monte Real Club de Yates Yess Too, patroneado polo portugués Rui Ramada, foi o máis rápido dos 26 veleiros participantes e completou as 11,9 millas de percorrido en apenas dúas horas e sete minutos.

Os de Ramada levaron a casa o gran sabor de boca que lles deixou o ser os máis rápidos en completar o percorrido, pero a compensación de tempos impediulles facerse co título dos da súa clase, que finalmente levou o Nahela.

O Abal Avogados/Lagar de Pintos/Fanautic do Ro Yacht Club, patroneado por Mariano Dios, fíxose co ouro da regata na clase ORC 2. O Balea Dous de Luis Pérez (Real Club Náutico de Rodeira) e o Don Pansa de Alberto Sousa quedaron segundo e terceiro.

Os monotipos J80, alleos á compensación de tempos, competiron en tempo real e a súa disputa finalizou co Cansino do Monte Real Club de Yates situado no máis alto do podio. A tripulación liderada polo comodoro do club baionés, Fernando Yáñez, deixou a prata e bronce do trofeo ao Cunichán de José Luis Pérez e o Mondo de Bernardo Macedo.

Na clase Fígaro, o mellor da frota foi o Ladeira da vicecomodoro do Monte Real Genoveva Pereiro. Logrou impoñerse na xornada e facerse coa vitoria dos da súa clase, seguido do Serralleiras de Alberto Iglesias. O Erizana de Javier Ortega completou o podio cunha merecida terceira posición.

Na entrega de trofeos, celebrada pola tarde no Monte Real Club de Yates, estiveron presentes, entre outros, o alcalde de Baiona, Ángel Rodal; o presidente do Monte Real, José Luis Álvarez; e o director executivo de Comunica Comunicación Visual, Roberto Lira, como patrocinador do evento.

Anuncios