Cidadáns presenta a Adolfo Valverde como candidato á alcaldía de Baiona

Adolfo Valverde será o candidato de Cidadáns á alcaldía de Baiona e séntese con ganas e coa ilusión de facer moitas cousas pola Vila. “Presentámonos coa firme idea de modernizar Baiona e integrar a todas as parroquias nun proxecto colectivo de futuro”. Valverde entende que hai que esquecer estes catro anos de “mala xestión onde case sen darnos conta fóisenos escapando o tren da revolución tecnolóxica e con el, a posibilidade de xerar riqueza e benestar social para o noso pobo”. O candidato de Cs quixo deixar claro que non van ser a bisagra de ninguén, “queremos gobernar Baiona e estamos preparados para iso. Non levamos nas nosas listas a veciños con pasado político porque a nosa idea é cambiar aos profesionais da política por profesionais da sociedade”.

Valverde foi elixido por unanimidade entre os afiliados do grupo local de Baiona. É natural da parroquia de Santa Cristina da Ramallosa e enxeñeiro en Organización Industrial, así como diplomado en turismo. A maior parte da súa carreira profesional desenvolveuna no sector do automóbil, no que foi Responsable de Proxectos, Coordinador do Departamento de Loxística dunha planta de produción e actualmente traballa nun equipo como Enxeñeiro de optimización de produtos. O seu salto á política vén dado polo seu amor a Baiona, a falta de alternativas para os mozos e “a mala xestión do equipo de goberno actual polo que Cidadáns será a súa primeira experiencia no ámbito da política”.

A lista de Cidadáns en Baiona que se inscribirá esta semana e darase a coñecer en breve contará con 24 persoas que conforman un equipo representativo de todas as parroquias, de todas as idades, buscando a paridade e con experiencia profesional e formación. “Sairemos a gañar en Baiona sen facer ningún tipo de cálculo partidista porque somos unha alternativa política seria e temos un proxecto innovador para Baiona”, destacou Valverde.

Cidadáns Baiona leva un ano e medio traballando no municipio primeiro a través da agrupación do Val Miñor e desde o 26 de outubro a través do grupo local. Neste tempo presentou unha vintena de propostas municipais, notas de prensa e estivo presente nos principais actos e eventos locais. “O noso compromiso con Baiona vai máis aló de ter ou non representación municipal. Isto permitiunos configurar un programa á medida dos nosos veciños, para realizalo reunímonos coas principais asociacións e actores sociais de Baiona, buzoneamos 750 vivendas en busca de suxestións e realizamos 12 carpas informativas por todas as parroquias”, indicou o candidato á alcaldía.

Para finalizar, asegurou que levan un programa “serio e realizable que contará con 20 medidas para reactivar a economía e o benestar social do municipio, evitando os grandes investimentos que non se poden acometer polo estado no que o Partido Popular deixou as contas do Concello. Presentarémolo en época electoral nun ou varios actos públicos, nos que explicaremos as principais medidas coa axuda de expertos nas diferentes materias”.

Anuncios