Últimos días para inscribirse na 1ª Carreira Popular Concello de Gondomar

A Sociedade Atlética Val Miñor organiza o sábado día 27 de abril a “1ª Carreira Popular Concello de Gondomar”, coa colaboración e patrocinio da Concellería de Deportes. As probas de atletismo darán comezo a partir as 18:30 horas. O circuíto discorrerá polas rúas de Gondomar para as categorías menores (ata cadetes inclusive), e polos arredores do Concello para a carreira de 5 km.

Poderán participar cantas persoas o desexen estean ou non federados. Non poderán participar atletas españois con axuda económica da RFEA nin atletas estranxeiros que houbesen realizado (durante a presente tempada ou as dúas anteriores) unha marca igual ou mellor a 950 puntos de táboa IAAF.

O prazo de inscrición remata o 23 de abril ás 20:00 horas. Na carreira absoluta (de xuvenís a veteranos) a inscrición farase na paxina web www.carreirasgalegas.com. Esta terá unha taxa de 5 € que deberá aboar a través da pasarela de pago e cubrir os datos solicitados no formulario. Nas categorías menores a través da mesma páxina web www.carreirasgalegas.com, estas categorías non teñen taxa.

Os dorsais e chips serán entregados o día anterior á proba na Praza do Concello en horario de 18:00 a 21:00 horas, e o mesmo día da proba, ata 30 minutos antes da celebración de cada carreira, debendo os atletas levar o dorsal visible e sen dobreces no peito, e respectar a publicidade impresa se a houbese durante todas as probas.

Outorgaranse trofeos aos tres primeiros de cada categoría tanto feminina como masculina e medallas conmemorativas na categoría de pitufos. Haberá agasallos conmemorativos nas categorías prebenxamíns ata absoluta. Os trofeos non serán acumulativos.

Haberá servizo de duchas no campo de fútbol municipal de As Cercas.

Anuncios