O PP denuncia o abandono das obras de construción da pista de atletismo en Porto do Molle

O pasado mes de outubro, o alcalde socialista anunciaba a construción dun novo complexo deportivo na zona deportiva de Porto do Molle, que contemplaba entre outras actuacións a creación da primeira pista de atletismo homologada do municipio, cun investimento de 107.000 euros, e cuxa finalización estaba prevista para finais do pasado ano.

“Sete meses despois do comezo das obras, a construción da zona deportiva atópase totalmente paralizada e nun estado realmente lamentable e preocupante, como se observa nas fotos adxuntas. Esta é unha nova mostra das limitacións na xestión do actual goberno de Nigrán e en particular do seu alcalde, Juan A. González, máis preocupado por pasear polas rúas e dos seus labores como deputado provincial que nas súas responsabilidades cos veciños do seu municipio”, sinala o candidato popular.

Máis aló da paralización da construción da instalación deportiva, e o prexuízo que devandito atraso comporta para os veciños do municipio, o estado desta actuación é alarmante segundo os populares. “A obra está sen valar, nun estado de abandono total, con restos de asfalto apilados, cheas de cascallo, a pista de skate a medio facer, sen valar nin sinalizar, con varillas de forxado á vista,… un completo desastre que pode desencadear en desgraza en calquera momento, xa que hai rapaces que xa lle están dando uso”, advirte Carlos Abal.

Un erro na partida correspondente á pista de atletismo é o que, aparentemente, impide executar a obra co importe asignado e nos tempos e prazos establecidos, “fai xa máis de catro meses”, sinala o candidato popular. “Unha vez máis, o alcalde socialista moito publica, moito anuncia, pero a realidade é que é absolutamente incapaz de sacar nada adiante, e así está Nigrán, catro anos á deriva a mercé da incapacidade de xestión de Juan A. González”, lamenta o candidato popular.

E subliña “unha vez máis”, porque é algo similar ao que sucedeu recentemente coa obra da nova biblioteca, que estivo parada durante máis de dous meses por problemas de execución respecto á planificación do proxecto, “debe ser unha cuestión endémica á xestión dos socialistas”, observa.

“É unha pena que o alcalde e o seu equipo non presten un pouco máis de atención e mostren un pouco máis de agarimo á hora de xestionar o concello e os seus recursos, xa que, ao final e ao cabo, os damnificados somos os veciños do municipio ao que representan”, conclúe o candidato popular.

2019-04-20 - IMG_20190415_160504

Anuncios