O Val Miñor vence na categoría prebenxamín do IX Torneo de Fútbol 8 de Baiona

FOTO: ERIZANA // Val Miñor

Este xoves finalizou o IX Torneo de Fútbol 8 de Baiona coa categoría prebenxamín, despois de catro días nos que tamén participaron as categorías chupete, alevín e benxamín.

Nesta última xornada, na que participaron uns 250 nenos de 17 equipos, o tempo deu unha tregua e puidemos gozar do xogo dos máis pequenos. Novamente moita emoción e igualdade na fase final e un equipo que sobresaíu por encima dos demais, o Val Miñor, que venceu na final ao Escolas Denis Suárez por 5-1. O terceiro clasificado foi o Tomiño e o cuarto o Victoria. Tamén recibiu trofeo o mellor porteiro, Iago Vilanova, do Tomiño, e o mellor xogador, Mateo Escobar, do Val Miñor.

Na primeira xornada participaron os chupetes de Porriño, Val Miñor, Oiense e Erizana, con medallas para todos os participantes. Na segunda, celebrada o martes, os vencedores foron os alevíns do Vila do Corpus, e o mércores, o campión da categoría benxamín foi o Celta.

O IX Torneo de Fútbol 8 de Baiona, organizado polo Erizana, congregou nesta edición a máis de 1.000 nenos de entre 4 e 14 anos de toda Galicia, repartidos en 67 equipos. Durante catro días, nos campos do Aral e Val de Martín, nenos dos clubs máis importantes de Galicia compartiron deporte, experiencias e aprendizaxe.

Anuncios