En Marea manterá unha xuntanza coas Comunidades de Montes do Val Miñor

FOTO: MANCOMUNIDADE DE MONTES DO VAL MIÑOR // Reunión da Mancomunidade de Montes do Val Miñor.

A candidata Iris Malvido, número un de En Marea por Pontevedra, manterá mañá, sábado 20 de abril, unha xuntanza coas Comunidades de Montes do Val Miñor ás 10:00 horas no Centro Neural de Gondomar. A finalidade deste encontro é falar do futuro do monte galego e coñecer a situación do monte veciñal en man común na comarca.

“Despois dos lumes de 2017, que afectaron gravemente o noso patrimonio ecolóxico, queremos coñecer en primeira man as necesidades e reivindicacións das comunidades de montes, así como as actuacións que se están a levar a cabo para recuperar o monte queimado. Asemade, trataremos as políticas forestais dos gobernos galego e do Estado, que deben incluír medidas que incentiven as actuacións forestais sostibles e alternativas ao monocultivo de eucalipto. Neste encontro, tamén se tratarán cuestións de fiscalidade, pois é unha demanda das Comunidades de Montes un tipo impositivo que posibilite a eficiencia na xestión do monte comunal”, sinalan desde a formación.

Anuncios