Anuncios
Ticker de novas

Gondomar crea a Escola de Pais e Nais e presenta novas actividades e melloras na biblioteca

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

O goberno municipal cea a Escola de Pais e Nais en coordinación coa Comunidade Educativa dos Centros Rurais Agrupados (CRA) de Gondomar. As distintas temáticas que abordará esta escola levaranse a cabo todos os primeiros luns de cada mes na Casa da Cultura de 18:00 a 19:30 horas. A primeira conferencia versará sobre “A xestión das emocións na contorna familiar”, a cargo do Psicólogo da Mancomunidade do Val Miñor, Óscar Carreño, que profundará e abordará esta temática na que leva anos traballando e conta cunha ampla experiencia.

“Mentres os pais asistan ás conferencias, os máis pequenos, poderán asistir a diversas actividades que se desenvolverán na biblioteca municipal, tales como: contacontos, obradoiros de lectura, etc… Este primeiro luns día 23, coincidindo co Día do Libro, iniciaremos un ciclo de actividades para potenciar máis, aínda, a actividade educativa e a lectura na biblioteca municipal”, recalcou a concelleira de Educación, Iria Lamas. Este luns serán Xanotas e Leirotas, as encargadas dos obradoiros e contacontos sobre “A casa da mosca chosca”.

Segundo indicou a concelleira Iria Lamas, a biblioteca municipal ampliará o seu horario de apertura todos os sábados pola mañá desde as 10:00 ata as 14:00 horas, para facilitar a entrega e recollida de libros e dar un maior servizo público (actualmente o horario é de luns a venres de 09:00 a 14:30 e de 17:00 a 20:00 horas). Tamén se habilitará unha nova sala de traballo e lectura grupal onde os estudantes poden interactuar en grupo sen causar molestias aos demais usuarios da biblioteca.

“Ademais destas iniciativas, unha bolseira bibliotecaria facilitada pola Deputación de Pontevedra, levou a cabo o expurgo e inventario bibliográfico existente, que será actualizado coa inclusión de novos libros de interese cultural, empregados como bibliografía de apoio nos distintos centros educativos, infantís, etc…, ao mesmo tempo que anima a pais e alumnos a participar nestas actividades, así como nas temáticas de interese que presentaremos ao longo de todo o ano na escola de pais”, concluíu a concelleira de Educación.

Anuncios