O Celta, campión do IX Torneo de Fútbol 8 de Baiona en categoría benxamín

FOTO: ERIZANA // Celta.

Este mércores continuou o IX Torneo de Fútbol 8 de Baiona, que se desenvolve desde o pasado luns nos campos de fútbol do Aral e Val de Martín. Na primeira xornada xogaron os chupetes de Porriño, Val Miñor, Oiense e Erizana, con medallas para todos os participantes, e na segunda, celebrada o martes, os alevíns, co Vila do Corpus como campión.

Nesta terceira xornada, tocoulle o día aos benxamíns, uns 250 nenos repartidos en 20 equipos. Desta vez o tempo non deu tregua pero novamente os nenos deron exemplo de paixón e desfrutaron dunha nova xornada fútbol. Fase de grupos de infarto onde houbo moitísima igualdade e na fase final seguiu o mesmo guión, con ata 3 quendas de penaltis. Ao final venceu o Celta por 3-0 ás Escolas Denis Suárez, que fixo un papel fantástico durante todo o torneo. O Chapela foi o terceiro clasificado e o Vila do Corpus ocupou o cuarto posto. O trofeo ao mellor porteiro foi para Mauro Martínez do Denis Suárez, e o de mellor xogador recaeu en Iago Barredo do Celta. O Erizana caeu nos cuartos diante do imparable Celta, gran imaxe do equipo benxamín baionés que loitou ata o último segundo.

O IX Torneo de Fútbol 8 de Baiona, organizado polo Erizana, congrega nesta edición a máis de 1.000 nenos de entre 4 e 14 anos de toda Galicia, repartidos en 67 equipos. Durante catro días, nos campos do Aral e Val de Martín, nenos dos clubs máis importantes de toda Galicia comparten deporte, experiencias e aprendizaxe.

O IX Torneo de Fútbol 8 de Baiona concluirá este xoves coa categoría prebenxamín.

Anuncios