Anuncios
Ticker de novas

Nigrán inviste 14.800 € nun colchón de chan para as ximnastas do Acro Club Nigrán

O Concello de Nigrán vén de instalar no ximnasio do CEIP Humberto Juanes un colchón de chan “Flexiroll SPIETH” de 14 x 14 metros por un importe total de 14.768,66 €. Este aparello, enrolable e homologado para alta competición, é un dos mellores que se poden atopar no mercado e resulta fundamental para que o Acro Club Nigrán desenvolva a súa actividade deportiva. Ademais, poderá ser empregado polos alumnos do centro escolar para a súa educación física e servirá para que a Policía Local de Nigrán realice prácticas, polo que se trata dun investimento que beneficiará a gran número de persoas.

O Acro Club Nigrán nace en 2016 co obxectivo de achegar aos máis novos a Ximnasia Acrobática dende unha perspectiva lúdica e integradora para todas as idades. Na súa corta vida xa conta cunha magnífica experiencia en campionatos territoriais e nacionais, cun 75% das deportistas competindo xa a nivel nacional base, autonómico base e autonómico escolar. O 25% restante participan en actividades extra-escolares onde aprenden as bases da ximnasia acrobática de forma máis lúdica.

Recentemente, o club participou con 17 ximnastas na II Copa Acroastur de Ximnasia Acrobática, disputada no Pavillón de La Tejerona en Xixón, onde conseguiu unha medalla de ouro e dúas de prata, nas categorías Parella Feminina Benxamín, Parella Feminina Alevín Escolar e Parella Feminina Infantil Escolar. O equipo de Acro Club Nigrán está composto por 22 ximnastas, sendo todas elas veciñas do Val Miñor, de Nigrán, Gondomar e Baiona.

“Dende o Concello de Nigrán seguimos apostando polo apoio ao deporte e as nosos deportistas; coa instalación deste colchón de competición permitiremos que as ximnastas do Acro Club Nigrán melloren a súa formación deportiva ao tempo que evitamos lesións e malos hábitos neste momento de formación e desenvolvemento dos seus corpos”, explica Juan González, alcalde de Nigrán.

Anuncios
error: Contido protexido