Concerto de Heredeiros da Crus en Baiona

Este sábado 20 de abril no Parque da Palma terá lugar o concerto do mítico grupo de rock galego “Heredeiros da Crus”, organizado polo Concello de Baiona coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra, a través do programa Musigal 2019. A mítica banda de Castiñeira (Ribeira-A Coruña) publicou o seu primeiro disco en 1994, “A Cuadrilla de Pepa a Loba”, un álbum que marcou un antes e un despois na historia do rock en galego e no que se inclúen himnos como “Quero josar” ou “O fillo de José”. As letras descaradas e divertidas, as guitarras poderosas, o falar natural, con gheada e seseo, e a actitude provocadora e irreverente, fixeron dos Heredeiros todo un símbolo para milleiros de galegos e galegas dos anos 90, famentos de música e cultura coa que identificarse. O concerto está previsto para as 23:00 horas, e como antesala, ás 22:00 horas actuarán como teloneiros os grupos A Polémica Banda dos Bechuchos e Xente Tóxica.

A Polémica Banda dos Bechuchos nace en 2005 da man duns músicos que, dunha ou doutra maneira, acaban tocando na banda Lira de San Miguel de Oia. A ecléctica formación musical dos seus compoñentes dá como resultado unha banda versátil, na que se funden o rock e a música popular galega. Presenta un repertorio formado por versións de grandes clásicos de diferentes lugares e épocas, xunto con melodías populares da terra, axilmente mesturado todo na procura dun ambiente de festa e diversión.

Xente Tóxica é a nova banda de punk rock do Val Miñor que está desexando subir ao escenario para mostrarlle á súa xente parte do repertorio no que está a traballar dende hai uns meses. Carlos (Guitarra), Nacho (Batería), Toje (Guitarra e voz), e Gonzalo (substituído para este evento por Tortu) ao baixo, prometen deixar todo o que teñen para satisfacción dos asistentes a esta gran festa da música galega, no mesmo parque da Palma que os viu medrar.

Anuncios