O PP de Nigrán presenta a súa candidatura para as municipais de maio

O candidato á Alcaldía de Nigrán polo Partido Popular, Carlos Abal, presenta a súa candidatura ás eleccións municipais do próximo mes de maio. Un equipo de traballo “completo e equilibrado, no que están representados os intereses e necesidades das sete parroquias do municipio, formado por persoas responsables, humildes e traballadoras que quixeron sumarse ao noso proxecto co fin de poñer o concello ao servizo dos seus veciños”.

Unha candidatura que entre os dez primeiros postos conta con 6 homes e 4 mulleres e que afrontan as municipais do 26 M con moito empuxe e ilusión, e coa convicción de que facer política con dignidade, con ética e coa verdade non só é posible senón, sobre todo, necesario. Os seus nomes son María José Pino Fernández (Nigrán), Álvaro Pereira Sanromán (Panxón), Javier Alborés Míguez (Parada), Paula Valverde Díaz (San Pedro), José Ángel Casal Martínez (Camos), Manuel Bouzas Cavada (San Pedro), María del Pilar da Silva Español (Nigrán), Marcos Fernández Cidrás (Priegue) e Sonia Iglesias Roade (Chandebrito).

O candidato popular á alcaldía destaca deste equipo que representa ás 7 parroquias do municipio e aos intereses dos seus veciños, as súas ganas de traballar por e para Nigrán e a humildade e responsabilidade coa que asumen esta tarefa. “Falo co corazón e o arraigamento que lle teño a este municipio no que nacín, onde me criei, onde vivín e traballei toda a miña vida, que o que nos move son as ganas de ver crecer a Nigrán e poder ofrecer un futuro mellor ás nosas familias”.

Así mesmo, defínese como unha persoa familiar, próxima, preocupada pola economía, polo futuro dos máis novos e o benestar social de todos os cidadáns. Nigránés de nacemento, galego e español de corazón, preséntase á cita electoral de maio coa firme intención de loitar polos intereses do municipio e dos seus veciños.

O programa

A proposta de Carlos Abal para Nigrán, que se estrutura ao redor de 14 plans de actuación, quere dar resposta ás demandas e necesidades dun municipio e duns veciños “que padeceron o deixamento e a desidia dun goberno socialista en minoría, máis preocupado polas fotos que polo día a día de Nigrán e dos seus veciños”.

Respecto á súa proposta de goberno, Carlos Abal avanza que é ambiciosa, pero totalmente realista. Estrutúrase ao redor de 14 plans que irá debullando nas próximas semanas, pero que teñen como eixo vertebrador poñer ao Concello e os seus recursos ao servizo dos seus veciños, “como non podería ser doutra forma”, puntualiza.

Dar resposta de forma rápida, eficiente e eficaz ás demandas dos veciños, impulsar a tramitación do PXOM para lograr a súa aprobación canto antes co maior consenso posible, ampliar a cobertura da rede de saneamento ao 100% do municipio, impulsar a economía local e emprego, dotar de máis e mellores infraestruturas para os máis pequenos e os máis maiores, reactivar a actividade do comercio local e situar a Nigrán no mundo coa creación dunha gran festa temática son as liñas xerais do seu programa.

Anuncios