O AD Vincios, a un punto de prazas europeas

Na pasada xornada o AD VINCIOS conseguiu un empate ante o Borges, terceiro clasificado, e único equipo que compite sen estranxeiros nas súas filas. O equipo leridano está formado polos xogadores cataláns Marc Durán, subcampión de España absoluto, Joan Masip, internacional español, e Oriol Monzó, xogador de gran experiencia nesta categoría.

Antes do encontro o Borges partía como favorito ante a escuadra gondomaresa, que xogaba co ruso Viacheslav Krivosheev, e cos canteiráns Martín Pintos e Mario Cebreiro. O encontro comezou coa vitoria de Marc sobre Martín, cun enganoso 3-0, con tres sets 11-9, pois en todos eles Martín foi por diante no marcador levando o peso do partido, ata os instantes finais, onde Marc acababa impoñendo o seu xogo. Viacheslav derrotou 3-2 a Monzó para igualar a contenda, cun apertado set final 17-15, onde Monzó tamén dispuxo de 3 bólas de partido.

O encontro adiantouse para Borges coa vitoria de Masip sobre Mario por 3-0. Viacheslav volveu igualar a contenda ao vencer 3-1 ao actual subcampión de España, continuando coa súa gran campaña, onde está a gañar aos mellores xogadores da liga. O partido clave foi a vitoria de Martín sobre Masip, cun contundente 3-0, con parciais 11-8, 11-3 e 11-1, que levaron á desesperación ao internacional catalán. Monzó igualou a contenda ao impoñer a súa experiencia e experiencia ante Mario. Co reparto de puntos, ao final da xornada, o Borges mantén o seu terceiro posto, mentres o Vincios colócase sétimo, a un punto de prazas europeas.