Anuncios
Ticker de novas

A Garda Civil detén ao suposto autor de varios furtos en domicilios do Val Miñor e Vigo

A Garda Civil detivo en Nigrán a un home de 74 anos, natural da Coruña, con último domicilio coñecido en Madrid, ao que se lle atribúe a comisión de preto de media ducia de furtos cometidos durante os últimos meses en domicilios habitados, na comarca do Val Miñor e Vigo.

O modus operandi comezaba por establecer unha discreta vixilancia sobre as vivendas que seleccionaba e aproveitaba a máis mínima ausencia dos moradores para acceder ao domicilio cando deixaban a porta aberta ou as chaves postas. Entraba de forma moi sixilosa e buscaba os bolsos e as carteiras que atopaba nas habitacións máis próximas á porta de entrada.

A alerta recibida onte pola propietaria dunha vivenda en Nigrán informando de que sorprendera dentro da súa casa a un individuo permitiu a súa inmediata localización pouco despois de darse á fuga, levándose unha carteira que atopara na cociña.

Foi interceptado por unha patrulla de seguridade cidadá do Posto Principal da Garda Civil e Baiona-Nigrán cando circulaba nun vehículo de aluguer nunha rúa próxima. No interior do turismo atopouse unha tarxeta persoal de transporte público a nome do propietario dunha vivenda en Vigo, que sufrira o pasado mes de marzo un furto das mesmas características.

Das investigacións realizadas púidose pescudar que esta persoa atopábase aloxada nun hotel en Vigo e, ademais, vincúlaselle con outros tres furtos cometidos: o 22 de febreiro en Nigrán, o 10 de marzo en Baiona e outro en 2017, tamén en Nigrán.

O detido, ao que ademais dos cinco furtos atribúenselle outros tantos delitos de violación de morada, conta cun amplo historial de feitos delituosos similares na práctica totalidade do territorio nacional e será posto esta mañá a disposición do Xulgado de Instrución de garda de Vigo.

Anuncios
error: Contido protexido