Sabarís convértese un ano máis en capital da arte

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís (COEMSA) organizou este domingo coa colaboración de OVALMI, Castro e Ladeira e o Concello de Baiona, a XII edición do Mercado de Arte, na Praza de Abastos de Sabarís e na Praza Victoria Cadaval, con actividades gratuítas para todas as idades. Nesta edición, que atraeu a centos de persoas, expuxéronse e venderon máis de 450 obras de 50 artistas nas modalidades de pintura, escultura e fotografía.

Pola mañá, a xornada comezou cunha intervención na rúa Julián Valverde, que levou aos participantes, xogando, por toda a rúa, ata a praza de Abastos de Sabarís, onde se celebrou a exposición e o resto de actividades, un obradoiro de escultura mural con materiais de reciclaxe a cargo de Irene Silva, e a representación da Farsa das Conversas “ What are you looking for Machadaquican”, con Fátima Granja, responsable de teatro do Instituto de Estudos Miñoráns, e Irene Silva “murgha teatreira”.

Pola tarde, artistas e visitantes puideron gozar dunha chocolatada, e para rematar a festa, o grupo 33 RPM ofreceu un concerto na Praza Victoria Cadaval, con sorteo da súper-cesta de arte. Ao longo do día tamén houbo poxas, mediante poxas pechadas, de obras dos pintores galegos Arturo Souto, Antonio Fernández, María Victoria de la Fuente, Laxeiro, Din Matamoro e outros autores. Contaron con cadros á venda do pintor Antón Pulido, que coa súa presenza neste evento quixo apoiar novos valores da pintura galega.

Anuncios