O CPA Gondomar gaña o IV Trofeo Internacional Concello de Vigo

O CPA Gondomar proclamouse este domingo campión do IV Trofeo Internacional Concello de Vigo-Copa Galega de Grupos Show 2019, celebrado no Pavillón Municipal de As Travesas. Cunha asistencia de algo máis de 1500 persoas, que gozaron dun espectáculo de patinaxe artística de alto nivel, na modalidade de competición de «grupos pequenos» atopábase o Grupo Show do CPA Gondomar, saíndo a pista en noveno lugar.

As gondomareñas, coa súa “Saint Mary”, proclamáronse por cuarta vez campioas do trofeo cun programa espectacular. “Encerrada e custodiada. Sometida mediante pastillas, cadeas e grilletes. St. Mary Psichiatric Hospital é o meu cadaleito”, un show baseado no aterrador Hospital St. Mary. A bancada non deixaba de aplaudir tras a súa posta en escena facendo alarde da súa gran rapidez, técnica e dificultade. E como é habitual, as patinadoras de David Figueroa mostraron a forza e velocidade que adoita caracterizalas, pero nesta ocasión, é importante destacar que dos grupos que participaban hoxe, o Gondomar foi o único que alcanzou puntuacións de 9,9.

Os duros adestramentos leváronas a conseguir un primeiro posto galego, un segundo posto no nacional disputado en Guadalaxara e actualmente atópanse preparando o próximo campionato, o Europeo en Reggia Emilia, que se celebrará en Italia proximamente, dous meses antes do mundial, que nesta ocasión disputarase en España, WRG 2019, en Barcelona.

Anuncios