Anuncios
Ticker de novas

A feira “Portobelo” estrea a Praza Paradela en Gondomar

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Feira de Oportunidades "Portobelo" en Gondomar.

A Feira de Oportunidades “Portobelo” celebrou este domingo a súa oitava edición estreando a remodelada Praza Paradela de Gondomar, cunha vintena de establecementos da comarca ofrecendo os seus produtos a prezos rebaixados. A Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI), que organiza o evento coa colaboración do Concello de Gondomar, fai un balance moi positivo e aseguran que volveu a ser un éxito, coa afluencia de centos de veciños e visitantes que puideron atopar artigos tales como roupa para home, muller ou neno, complementos, roupa interior e de baño, calzado, produtos de barbería e cosmética, repostería ou chuches.

“Portobelo” desenvolveuse desde as 11 da mañá ata as 9 da noite, incluíndo obradoiros de manualidades e un contacontos vivenciado para os máis pequenos, un concerto de música pop e baladas co cantautor Juan Pablo Lojo “Charko” e a actuación da agrupación de Pandereteiros e Pandereteiras de Traspés coa presentación teatralizada de Rosalía de Castro interpretada por Marta Pérez de Inversa Teatro. Trátase dunha feira de carácter multisectorial co fin de que os negocios participantes poidan promocionarse, reforzar o contacto con clientes habituais, xerar outros novos, liquidar stocks…

Tras a recepción das obras o pasado venres, danse por finalizados os traballos da Praza Paradela, que roldaron o millón de euros e tiveron un prazo de execución de 20 semanas. Trátase da obra pública máis ambiciosa do municipio tras a construción do seu novo centro de saúde, que tamén estará rematado en breve. O rexedor da Vila Condal, Paco Ferreira, mostrouse moi satisfeito cos resultados obtidos a pesar de que onte aínda se atopaban revolvendo os últimos “flocos” para ter todo disposto para a xornada de hoxe.

As obras, que comezaron o pasado mes de decembro, tiñan como data tope de finalización en xuño de 2019 e estendéronse por toda a contorna do consistorio ata conectar co parque da Coelleira. 5.000 metros cadrados de actuacións que sumados á zona verde existente suman un total de 30.000. Todo iso coa instalación de bancos, fontes, árbores, un parque infantil e rega artificial. O rexedor explicou que os traballos se desenvolveron sen complicacións dignas de mencionar e que respectaron o orzamento inicial de 800.000 euros, dos cales máis de 600.000 foron financiados pola Deputación.

Anuncios
error: Contido protexido