Pauliño del Río e Jimena Varela presentaron este venres por Rexistro as súas renuncias como concelleiros de CABE na Corporación Municipal de Gondomar. Nun comunicado, Varela recorda que Gondomar Concello Aberto naceu a principios de 2015 como unha candidatura de unidade popular, onde confluíron militantes de partidos da esquerda rupturista, participantes do movemento asociativo do municipio e moitas persoas que nunca tiveran contacto coa política. “Conseguimos tres representantes na Corporación Municipal, tan só un menos que a lista máis votada. 1190 persoas depositaron o seu voto nunha alternativa que defendía cambiar radicalmente a política municipal dende a participación, o anticapitalismo, o ecoloxismo e o feminismo”.
“Nas últimas semanas vivín situacións hostís que me fixeron deixar de sentirme parte deste proxecto e en coherencia co noso código ético, segundo o cal somos representantes da asemblea ante o Pleno Municipal, tomei a decisión de presentar a miña renuncia como concelleira. Considero que os coidados, a empatía e o compañeirismo deben ser os valores esenciais dunha forza de esquerdas. Defender iso é combater as formas patriarcais na política, non (só) poñer máis mulleres na lista”, lamenta a concelleira.
“Aprendín moito estes anos de moitos compañeiros e compañeiras que sacrifican moitas horas da súa vida persoal para dedicarlla ao común. Grazas a todas elas. Esta foi unha decisión dolorosa, pero tomeina coa tranquilidade e o convencemento de principios que para min son irrenunciables. E, sobre todo, quero expresar que este non é un punto final, e que seguirei militando dende a base e á esquerda, hoxe máis necesaria que nunca”, conclúe o comunicado.

