Máis escolares do CEP de Sabarís visitan a Foz do Miñor da man de Valmiemprega

O alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEP de Sabarís realizaron no día de hoxe unha visita guiada na Foz do Miñor, da man da especialidade de Promoción turística do obradoiro de Emprego Valmiemprega.

A ruta comezou na Aula de Natureza do Centro Antena de Sabarís, facendo un percorrido polos paneis interpretativos da marisma e dos diferentes ecosistemas. A continuación fíxose o itinerario a través do paseo marítimo, facendo diversas paradas para observar a fauna e a flora. Neste caso, a ruta foi máis longa, dando a volta completa á Ladeira rodeando toda a punta de frecha, onde os cativos recibiron información interpretativa deste lugar e das labores do marisqueo que alí se facían. Realizouse unha labor de concienciación medioambiental ao falarlles dos diferentes impactos ambientais que sufre este espazo protexido, e da obriga que temos todos e todas de coidalo, respectalo e conservalo.

Rematou a xornada a carón da zona dunar que se atopa en proceso de rexeneración na praia da Ladeira, e tamén se proporcionou ampla información sobre a súa flora e fauna e da importancia de non pisar as zonas acoutadas con valados.

Os participantes amosaron gran interese en todo momento, e utilizaron prismáticos para poder facer unha mellor observación de todos os elementos que se atopan nos ecosistemas do espazo protexido da Ramallosa, dentro da Rede Natura 2000.

Anuncios