Anuncios
Ticker de novas

Máis dun centenar de ciclistas participan o domingo no III Desafío Talaso Atlántico

FOTO: TALASO ATLÁNTICO // II Desafío Talaso Atlántico.

O III Desafío Talaso Atlántico contará este domingo con máis dun centenar de participantes. Trátase dun evento deportivo aberto a afeccionados e profesionais, que inclúe un tramo cronometrado de 17 quilómetros. Apadriñada por Óscar Pereiro, que habituaba a adestrarse na estrada Baiona-A Guarda na súa etapa profesional, a proba reúne a ciclistas con idades comprendidas entre os 20 e os 80 anos.

Os primeiros clasificados en cada década de idade, desde os 20 aos 80 anos, recibirán un bono do Hotel Talaso Atlántico que inclúe aloxamento, almorzo e percorrido mariño de talasoterapia. Os segundos e terceiros mellores de cada idade recibirán un percorrido de talasoterapia. Tamén haberá un sorteo entre todos os participantes ao finalizar a proba.

O percorrido consta de 60 quilómetros dos cales 17 serán cronometrados. A proba realizouse por primeira vez en 2017 e naceu da necesidade de poñer en marcha un evento deportivo nunha das zonas máis frecuentadas da provincia de Pontevedra, debido á súa beleza paisaxística, tanto por ciclistas afeccionados como profesionais.

A saída efectuarase desde a chaira do Hotel Talaso Atlántico e discorrerá por Baredo, Faro Silleiro, ata chegar ao Mosteiro de Santa María de Oia (un tramo de 23 quilómetros neutralizados). A partir de aí comezará a crono-escalada ata o Monte da Groba, de 17 quilómetros. Trátase dun percorrido de dificultade media, segundo os expertos, polo que pasarán polo Alto da Valga e Torroña ata coroar finalmente A Groba, con 600 metros de altitude. Unha vez superado este segundo tramo, onde se dará o avituallamento, haberá un percorrido final de 20 quilómetros, de regreso ao Hotel Talaso Atlántico, que discorrerá por Chan da Lagoa, Baíña e Baiona.

Anuncios
error: Contido protexido