Anuncios
Ticker de novas

Máis de 1.000 nenos participarán no IX Torneo de Fútbol 8 do Erizana

O Erizana presentou este xoves no Parador de Baiona o seu IX Torneo de Fútbol 8, que congregará entre o 15 e o 18 de abril a máis de 1.000 nenos de entre 4 e 14 anos de toda Galicia, repartidos en 67 equipos.

Durante catro días, nos campos do Aral e Val de Martín, nenos dos clubs máis importantes de toda Galicia, como o Celta, Deportivo da Coruña, Racing de Ferrol ou o Ourense, estarán en Baiona compartindo deporte, experiencias e aprendizaxe e colaborando a normalizar e dar visibilidade ao deporte de discapacidade coa III edición do Torneo Integra de Fútbol Adaptado “laCaixa”, que este ano contará cun cartel de luxo con equipos como o Oviedo, Deportivo da Coruña, Celta e unha selección da Federación Galega de Fútbol Adaptado.

O torneo arrancará a mañá do luns 15 de abril coa categoría chupete, na que participarán nenos e nenas de 4 a 5 anos, e que se disputará no campo do Aral. Pola tarde, no mesmo emprazamento, disputarase o Torneo Integra. Ao finalizar, haberá un acto lúdico no Villa Rosa coa entrega de medallas a todos os participantes desta categoría, na que o premio é o menos importante.

O martes 16 será a quenda da categoría alevín, con 28 equipos que xogarán mañá e tarde en dous campos simultaneamente, Aral e Val de Martín. Será o día con máis afluencia de nenos, xa que o club calcula a presenza de máis de 400.

O mércores 17, 20 equipos disputarán o torneo da categoría benxamín no campo de Val de Martín. Serán uns 250 nenos en horario de mañá e tarde.

O xoves 18, a categoría prebenxamín pechará a competición, cuns 250 nenos repartidos en 17 equipos, que xogarán no campo de Val de Martín.

Anuncios
error: Contido protexido