Preto de 200 deportistas de toda España disputarán en Nigrán o PontevedRAID

Nigrán será sede este fin de semana do 13 e 14 de abril da segunda proba da Liga Nacional de Raids de Aventura, apoiada pola Federación Española de Orientación (FEDO) e a Galega co apoio do Consejo Superior de Deportes e LaLiga4Sports e o propio Concello de Nigrán. Trátase da primeira vez que a comarca de Vigo celebra unha proba que combina orientación e deporte, competindo nela 178 corredores de toda a península repartidos en 61 equipos de 3 membros. Este raid, de 18 horas de duración non-stop, foi presentado hoxe oficialmente e arrancará o sábado ás 12:00 dende o Colexio de Panxón para percorrer diferentes puntos do Val Miñor en kaiak, a pé ou en bicicleta de montaña, rematando o domingo ás 6:00 da madrugada como tope.

«Estamos encantados de acoller esta proba e de ter a sede da mesma en Panxón, ao pé do Templo Votivo. É unha oportunidade magnífica para dar a coñecer Nigrán entre os corredores de fora e para promocionar este deporte», sinalou Juan González, alcalde de Nigrán, durante a presentación do mesmo esta mañá no CEE de Panxón con membros do Club Aromon, equipo docente do CEE e do CPI Arquitecto Palacios, e o responsable do Camping Playa América.

No Raid hai dúas categorías, a categoría elite cos tres integrantes sempre en carreira; ou en categoría de Aventura na que os corredores se van intercambiando ao longo do percorrido, sempre con dous en carreira e un descansando.Ademais, nesta proba haberá unha categoría de promoción para grupos de 2 a 6 participantes que desexen iniciarse. Os equipos deben competir en autosuficiencia, sen axuda exterior.

A competición combinará 4 disciplinas: o Kaiak (8 km entre Praia América e o esteiro de A Foz), trail (tramos de 20 km+11km+13 km por Monteferro, Galiñeiro e Chan da Lagoa), bicicleta de montaña (100 km entre Panxón, Galiñeiro e Chan da Lagoa), trekking, e unha pequena parte de escalada. A duración é de 18 horas Non-Stop, dando comezo ás 12:00 h do sábado 13 de Abril no Centro de Educación Especial de Panxón, onde tamén é a meta e onde se celebrará a cerimonia de entrega de trofeos o domingo 14 ás 13:00 h (moitos corredores durmirán nestas instalacións).

«Transcorrerá polos lugares máis característicos do Val Miñor e, ao tratarse dunha proba de orientación, o percorrido será descoñecido e segredo para os corredores ata o mesmo momento en que se dé a saída, que será cando se entreguen os mapas. Sí se pode desvelar que tocará zonas de Monteferro, Galiñeiro, Montes de Gondomar e Serra da Groba. Nos mapas márcanse os lugares de paso que son necesario visitar para completar a proba. Para iso, deben apoiarse na lectura precisa do mapa da zona e deixarse guiar polo compás.», explican Xoel Chamorro e Adrián Moreira, do club Aromon organizador e recentemente clasificados en terceiro posto nas series mundiais de Raid celebradas na India.

A progresión dos equipos durante a proba é posible seguila en vivo na plataforma: https://tracktherace.com/es/pontevedraid-2019