O mercado de abastos de Baiona acolleu hoxe a cuarta xornada da cuarta edición do programa Degusta Europa, iniciativa programada e anual que, ao longo deste mes de abril, leva a vangarda e a innovación gastronómica por distintos mercados e prazas de abastos da provincia. Un programa que este ano está inspirado na campaña turística provincial «Fame de experiencias?» e que xa pasou polos mercados do Grove, Bueu e Pontrevedra, con propostas culinarias elaboradas polo alumnado do Centro Carlos Oroza de Pontevedra.
No mercado de abastos de Baiona estivo hoxe a a deputada de Emprego, Montse Magallanes, xunto ao alcalde de Baiona, Ángel Rodal, que xunto a cidadás e cidadáns degustaron o menú preparado polo alumnado do Centro Manuel Antonio que consistiu en lambetada de paté de mexillón da nosa ría, cristais de alga e pau de colín; petisco de galleta mariñeira, filetiños afumados de rincha de Beluso, brotes da nosa horta e virutas de cítricos; pipiritapa de laconciño, crocante de pan de castañas con prebe de mar e montaña; boliche crocante de millo recheo de chopiño de potera da Guarda; almofada de leituga baby con roxóns e requeixo das Neves; chiquito morno de pote galego ao estilo da miña avoa; melindres do noso Condado-Paradanta; empanada enreixada de cabelo de anxo e mazá; roscón de xema; e torta Rías Baixas.
O obxectivo do programa é poñer en valor a enogastronomía e a calidade dos produtos das Rías Baixas, así como a excelencia destes centros de formación da provincia, que xa son todo un referente. Ademais, Degusta Europa tamén pretende impulsar e potenciar os mercados de proximidade da provincia, dándolles novos contidos e favorecendo o contacto directo entre praceiras e praceiros e público en xeral.



