Sin categoría

50 artistas expoñerán e venderán as súas obras na XII edición do Mercado de Arte de Sabarís

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís (COEMSA) organiza un ano máis, o vindeiro domingo 14 de abril, a XII edición do Mercado de Arte, desde as 10:00 ata as 21:00 horas na Praza de Abastos de Sabarís e na Praza Victoria Cadaval, con actividades gratuítas para todas as idades. Nesta edición expoñeranse e venderán máis de 450 obras de 50 artistas nas modalidades de pintura, escultura e fotografía.

Ás 10:00 da mañá será a apertura da exposición coa presenza dos artistas durante toda a xornada. Se o tempo acompaña, comezará a xornada cunha intervención na rúa Julián Valverde, que levará aos participantes, xogando, por toda a rúa, ata a Praza de Abastos de Sabarís, lugar onde se celebrarán a exposición e o resto das actividades.

De 10:30 a 20:00 horas haberá poxas, mediante poxas pechadas, de obras dos pintores galegos Arturo Souto, Antonio Fernández, María Vitoria de la Fuente, Laxeiro, Din Matamoro e outros autores. Contarán con cadros á venda do pintor Antón Pulido, que coa súa presenza neste evento quere apoiar novos valores da pintura galega.

Ás 11:30 terá lugar un obradoiro de escultura mural con materiais de reciclaxe, a cargo de Irene Silva, para nenos de 3 a 90 anos. Ás 18:00 horas representarase a Farsa das Conversas “What are you looking for Machadaquican”, con Fátima Granja, responsable de teatro do Instituto de Estudos Miñoráns e Irene Silva “murgha teatreira”.

Ás 19:00 horas, artistas e visitantes poderán gozar dunha chocolatada, e ás 20:30, o grupo 33 RPM ofrecerá un concerto na Praza Victoria Cadaval (contigua ao recinto), para rematar a festa, con sorteo da super-cesta de arte. Ata as 22:30 aproximadamente. Ás 21:00 horas pecharase a exposición.