Rallye aciago para Alberto Meira e Jose Murado en Noia

Con moita ilusión chegaban Alberto Meira e Jose Murado á segunda cita do Campionato Galego de Rallyes, dispostos a seguir descubrindo as bondades do Citroën DS3 R5 e ademais competir por primeira vez con el en condicións de mollado.

A cita noiesa comezaba cunha especial urbana o venres, durante a cal a choiva que foi protagonista toda a fin de semana decidiu dar unha pequena tregua, disputándose en condicións de seco con algunha que outra humidade. Pequenas diferenzas como vén sendo habitual nestas especiais, e Meira que marcaba o segundo mellor crono a só 1,4 segundos do scratch.

O sábado amencía realmente complicado, moita choiva durante a noite e uns tramos que contiñan moita auga acumulada pero onde as Pirelli RWA portáronse á perfección, outorgando moita confianza nestas circunstancias. Aínda sen aparecer o sol polo horizonte, un pequeno erro daba ao traste coa actuación do equipo na primeira cronometrada da xornada.

“A metade do tramo de Culou cinguín en exceso nunha curva a esquerdas sobre unha ponte, coa mala fortuna de enganchar o valo coa roda traseira, rompendo o brazo da suspensión e sendo imposible continuar. É unha mágoa porque este rallye serviría para poñer a punto o DS3 en condicións de auga e continuar adaptándonos a el, pero toca mirar á fronte e preparar a proba de casa para brindar un bo posto aos nosos patrocinadores ”, declaraba o piloto gondomarense.

O equipo AMF Motorsport márchase de Noia cun cero no marcador pero coa esperanza de que a fortuna sorría no Rallye Recalvi Rías Baixas, a proba de casa para o equipo, onde Alberto Meira e Jose Murado darán o máximo para pelexar polo triunfo diante da súa xente.