Nigrán abre hoxe o prazo de inscrición da IX edición da Travesía a nado Costa Serena

A IX edición da Travesía a nado Costa Serena-Nigrán abre hoxe luns 8 de abril as inscricións a través da páxina web www.championchipnorte.com. Esta proba, que se celebrará o 7 de xullo en Praia América, é unha das travesías con maior participación de toda Galicia e espera reunir a máis de 500 nadadores procedentes de todo o noroeste peninsular.

A travesía, organizada polo club deportivo Tumetapersonal, Atlantic Extrem Sports e o Concello de Nigrán, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, Abanca, Marine Instruments, o concesionario Hyundai Hyupersa e o Centro Comercial da Ramallosa. Tamén colaboran Powerade, Froitas Sol, Arena, Zoggs, Náutico de Panxón, Decathlon Vigo, Froiz, Wetsports Ladeira, Prado Surf, Valmiñor Ébano, Waira, Kailúa, Ángel Leirós Motos, Clubnatacion.com, Ciclos Boyer Vigo, Rosquillas Cristaleiro e La Pintora, entre outros.

As inscricións poderán realizarse desde o luns 8 de abril ás 10:00 horas ata o 2 de xullo ás 12:00 horas a través de Champion Chip Norte (www.championchipnorte.com) e, de forma presencial, nas oficinas de Turismo de Nigrán (a partir do 15 de xuño) e en téndaa Ciclos Boyer Vigo. O regulamento e a información da travesía están dispoñibles na páxina web www.travesiaanadocostaserena.es.

Durante a travesía disputaranse tres probas de 4.000, 2.700 e 800 metros. Os tres percorridos serán cronometrados por chip. O percorrido longo, no que se prevé unha participación de preto de 400 persoas, consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle principal de saída e entrada das embarcacións e a chegada á beira do posto de Protección Civil de Panxón. Os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.

O percorrido de 2.700 metros, que terá o mesmo punto de saída que a proba de 4.000 metros, consistirá en ir ata a baliza de Cabezo de San Juan, bordeala e regresar ao punto de meta polo lado dereito.

Na proba de 800 metros, que se disputará en paralelo á costa, a saída estará situada tamén na canle principal e a chegada será no mesmo punto que as probas de 4.000 e 2.700 metros.

A competición de 4.000 metros comezará ás 11:30 horas, a de 2.700 metros ás 11:50 horas, mentres que a de 800 metros arrancará ás 12:00 horas. No mar, colocaranse boias de sinalización do percorrido para facilitar a orientación dos nadadores, así como embarcacións de Protección Civil e kaiaks seguindo a proba.

Ademais, celebraranse dúas probas de curta distancia para nenos entre 5 e 13 anos. Haberá un percorrido de 50 metros (5 e 8 anos) e de 150 (9 a 13 anos). Estas probas comezarán ás 13:00 horas (50 metros) e 13:30 horas (150 metros).

Premios

Na probas de 800 e 2.700 metros, entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Na proba de 4.000 metros tamén se darán premios aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina e ademais repartiranse medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías da proba reina. Os nenos que participarán nos percorridos de 50 e 150 metros recibirán unha medalla. Tamén se entregarán trofeos especiais ao nadador máis novo e de máis idade.

Inscricións

A zona de concentración dos nadadores será as instalacións deportivas Dunas Gaifar, a partir das 09:00 horas.

Aqueles interesados en participar na travesía poderán realizar as inscricións na páxina web de Champion Chip Norte (www.championchipnorte.com) do 8 de abril ao 2 de xullo ás 12:00 horas. Tamén se poderán inscribir, de forma presencial, nas oficinas de turismo de Nigrán (a partir do 15 de xuño) e na tenda Ciclos Boyer Vigo, onde se obterá un 20% de desconto na compra de material de natación.

O prezo da inscrición da proba de 4.000 metros é de 21 euros, 19 euros a de 2.700 metros e 17 euros a de 800 metros e inclúe: participación na travesía, camiseta conmemorativa, gorro, cronometraxe electrónica, avituallamento, seguro de responsabilidade civil, asistencia médica, trofeo aos tres primeiros clasificados de cada categoría das dúas probas e medallas aos tres primeiros clasificados na proba de 4.000 metros, un aperitivo, un xeado e participación no sorteo de material deportivo.

As probas dos nenos teñen un custo de 10 euros e inclúe: camiseta, gorro, lentes, avituallamento, asistencia médica, seguro de responsabilidade civil, medallas para todos os participantes, un aperitivo e un xeado.