UCN volve denunciar a paralización do expediente para a cesión do antigo ambulatorio de Panxón

O portavoz da formación independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, volve denunciar publicamente -despois de facelo en varias ocasións e a última no pasado pleno de febreiro- de que o goberno local aínda mantén paralizado o expediente administrativo para poder formalizar a cesión ao Concello da parcela e o antigo edificio do ambulatorio de Panxón, a levar a cabo por parte da Tesourería da Seguridade Social. “Nos últimos doce meses non se moveu un só papel por parte do Concello para liquidar os problemas xurídicos xurdidos entre o Concello e a Administración Estatal, en relación á cualificación xurídica dos bens (parcela e construción) a ceder ao Concello de Nigrán, en virtude dun acordo plenario de data 29/10/2018, aprobado precisamente polo goberno socialista presidido entón por Efrén Juanes, sendo concelleiro de Facenda e Urbanismo o hoxe alcalde Juan González, como consecuencia da cesión dunha parcela de 4.000 m2 na urbanización das Dunas de Gaifar ao Sergas para a construción do novo ambulatorio”.

UCN quere desmentir tamén as declaracións realizadas ao periódico Faro de Vigo o pasado 8 de decembro, tanto polo alcalde Juan González como polo concelleiro de Urbanismo Diego Moreira, cando afirmaban que “parece que ao fin estamos preto da solución e pronto disporemos do edificio”, engadindo a continuación “cremos que estamos a piques de conseguilo”. “Pero lamentablemente nada diso era certo, porque a pesar das reiteradas denuncias en prensa de UCN así como interpelacións nos plenos, só tiñan como resposta meras escusas que ben se podían cualificar como de escapismo político e tomadora de pelo vergoñosa aos veciños”, afirma o seu portavoz.

Fernández Comesaña, esixe ao alcalde Juan González, que de forma inmediata ordene aos servizos xurídicos que se realicen os trámites administrativos necesarios por parte do Concello, “e dunha vez por todas póñanse a traballar en serio e resolver definitivamente ante o Rexistro da Propiedade as dificultades técnicas existentes para destinalo canto antes a Centro de Día ante as necesidades existentes, sendo o único culpable do atraso -que acumula xa tres anos- na cesión do inmoble o alcalde, que é incapaz de xestionar as dificultades administrativas xurdidas. Ademais, pedímoslle que deixe de enganar á opinión pública e verter cortinas de fume continuamente con falsas informacións, diga a verdade e recoñeza que o problema radica na súa nula ou pouca capacidade de xestión”, conclúe o portavoz independente.