Baiona reafirma o seu rexeitamento aos parques eólicos na Serra da Groba

A Praza do Concello de Baiona acolleu está mañá ás 12:00 horas unha concentración para reafirmar o seu rexeitamento ao parque eólico Toroña proxectado na Serra da Groba. No acto participaron tanto o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, como outros membros do equipo de goberno local baionés. A mobilización convocada polo Concello de Baiona tamén contou co respaldo do Alcalde de Nigrán, Juan González Pérez, a Alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, a Alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís. Tamén foi secundada pola plataforma SOS Groba, polo Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) así como distintas comunidades de montes e augas do municipio baionés, ademais de pola cidadanía en xeral.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, manifesta a súa desconformidade a este plan eólico, que conta co aval da Xunta, e o rexeita denunciado o “impacto irreparable que causaría a instalación dos aeroxeradores, unha ameaza sen precedentes que tería un enorme impacto na nosa contorna de gran valor natural, patrimonial e cultural”. Así mesmo, o rexedor baionés sinalou tamén que “o Concello de Baiona presentou alegacións a través dos preceptivos informes sectoriais contra o parque eólico Toroña e se fará todo o que estea nas nosas mans para tombar este proxecto”.