Nigrán reúne a xogadores veteranos do Celta vinculados á comarca do Val Miñor

O Concello de Nigrán reuniu este venres a xogadores veteranos do Real Club Celta vinculados á comarca como Jorge Otero, Javier Maté, Gustavo Loureiro, Luis Villar ou o mozo Kevin Vázquez (no persoal do Celta actualmente) nunha xornada de fútbol dedicada especialmente a eles. Así, o Auditorio acolleu a presentación do documental “El fútbol por dentro”, elaborado polo mítico porteiro Ramón Allegue “El Tigre” Padrón, quen presentou xunto o alcalde este traballo no que exerce de guionista, narrador e mesmo cámara con imaxes inéditas da súa época (1954-1962) gravadas cun 8 mm que mercou co primeiro soldo. Trátase da estrea no Val Miñor do documental, no que figuran imaxes de compañeiros de Padrón como Hermidita ou Alvarito ou anteriores como Nolete, todos eles míticos xogadores de Gondomar xa falecidos, polo que resultou especialmente emotivo para as súas familias, que asistiron ao acto.

“Todos os que vestiron a camiseta do Celta son parte da miña familia, para min o Celta non é un club, é a historia da miña vida, é a miña familia”, arrancou un emocionado Padrón no coloquio posterior cos demais xogadores. No mesmo non faltaron as risas coas súas divertidas anécdotas, como cando recordou que, debido á ausencia de televisores na súa época, os porteiros se telefoneaban entre si para saber por onde lanzara o último penalti un determinado xogador contrincante. “Din que na nosa xeración xogábamos un fútbol prehistórico, pero non é certo; nin Ronald Koeman lanzaba penaltis con tanta forza como Hermidita, el deixoume torto este dedo”, amosou a un entregado público. Padrón, sinalou o presidente da Peña Alvelo, foi o primeiro porteiro do Celta en ter o escudo da camiseta “porque a súa muller se preocupaba de tecerlle en lá a casaca e logo a bordaba”. O seu amor polo Celta non o fixo dubidar en rexeitar propostas do mesmo Barcelona ou Atlético de Madrid.

EXPOSICIÓN

Aproveitando esta proxección, o Concello inaugurou no propio Auditorio Municipal unha exposición fotográfica con imaxes de xogadores do Celta en toda súa historia, con especial atención aos vinculados ao Val Miñor (ben nacidos ou «adoptados»). Esta foi posible grazas a Antonio Arca, presidente da Peña Alvelo e quen facilitou as imaxes. «Queríamos recoñecer a pegada dos ‘miñoranos’ no Real Club Celta dedicándolle esta exposición. Gondomar deu na orixe do club a grandes como Hermida, Hermidita ou Nolete; pero Nigrán é igual de importante con xogadores como Jorge Otero, internacional coa selección, ou actualmente con Kevin Vázquez; ademais, Nigrán é o fogar dende décadas de veteranos como Luis Villar ou Javier Maté», sinalou o alcalde, Juan González. Esta exposición ficará aberta no Auditorio Municipal ata finais de mes en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas.

Anuncios